Piden que o Sergas pague a unha mariñá a rehabilitación que tivo que facer na privada tras unha operación

"Aquí non só se está incumprindo de forma flagrante a lei de garantías sanitarias, senón que se está vulnerando o principio de gratuidade da asistencia pública que contempla a Lei Xeral de Sanidade", di a Plataforma Sanitaria da Mariña.

Hospital da Mariña. AXM

Unha das portavoces da Plataforma Sanitaria da Mariña, Montse Porteiro, denunciou que o Sergas se nega a abonar a unha muller operada nun ombreiro en Burela en 2016 o que pagou por sesións de fisioterapia na privada.

Porteiro concretou que “esta muller denuncia que tras unha intervención cirúrxica no ombreiro en 2016, ela queda con secuelas que a dificultan na súa actividade diaria e no seu traballo”. Despois da operación, relata a activista da Mariña, “solicítaselle a rehabilitación post cirúrxica que é moi necesaria, pero este servizo non llo dan ata finais de 2020″.

É entón cando ela acode á sanidade privada “e o Sergas, ao pasarlle a minuta, non quere facerse cargo porque dixo que non era urxente, nin unha necesidade”. “Este é un atraso inaceptable, esta tardanza, esta falta de continuísmo terapéutico do Sergas. Ademais realizáronlle unha resonancia tras catro anos da operación, en decembro de 2020 e a data de hoxe non foi informada“, afeou.

Montse Porteiro condenou, á súa vez, que “esta muller quería pedir unha discapacidade no traballo e, para iso, necesita un informe da súa intervención e das secuelas que aínda non llo han dado”.

Finalmente, por parte da plataforma sanitaria critícase que “aquí non só se está incumprindo de forma flagrante a lei de garantías sanitarias, senón que se está vulnerando o principio de gratuidade da asistencia pública que contempla a Lei Xeral de Sanidade”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here