A Acisa sorteará 5.000 euros en vales de compra na Campaña de Nadal, que comeza o sábado

Os empresarios ribadenses repartirán seis premios o día 12 de xaneiro, na sétima edición da Festa do Comercio

Presentación da Campaña de Nadal da Acisa, con Pérez e Iriarte. AXM

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (Acisa) de Ribadeo comezará este sábado a súa campaña de Nadal, que rematará cun sorteo de 5.000 euros en vales de compra o 12 de xaneiro, na oitava edición da Festa do Comercio.

Desde o vindeiro sábado, todas aquelas persoas que compren nalgún dos establecementos asociados da Acisa obterán rifas para participar no sorteo.

O colectivo de comerciantes sorteará seis premios. O primeiro constará de 2.000 euros en vales de compra, o segundo de 1.000, un terceiro estará dotado con 500 e haberá dous cuartos galardóns valorados en 250 euros cada un.

PREMIO NON PRESENCIAL

Ademais, a Acisa disporá un premio non presencial, cunha dotación de 1.000 euros en vales de compra. A intención é premiar tamén ao cliente que merca en Ribadeo pero que procede de fóra da comarca.

Outra das novidades da campaña da Acisa é que o sorteo celebrarase na carpa da pista de xeo, ubicada no parque de San Francisco.

BASES

Para participar no sorteo, os clientes recibirán as rifas correspondentes polas súas compras no comercio local ribadense. Logo, deberán coller a parte máis estreita do boleto e e metela na urna que haberá na carpa entre as 16.00 e as 20.30 horas do mesmo día do sorteo.

Un programa informático escollerá de forma aleatoria un número entre os 200.000 que se repartirán durante esta campaña. O gañador terá ata o 18 de xaneiro para presentarse nas oficinas de Acisa Ribadeo e reclamar o seu premio.

O presidente do colectivo, Francisco Iriarte, destaca a contía dos premios, que os clientes poderán gastar “nun prazo de dous meses”.

O xerente da Acisa, Jesús Pérez, sinala que “esta campaña busca premiar e agradecerlle á clientela do comercio e da hostalería de Ribadeo que merquen e que consuman aquí desde este mesmo momento, durante o Nadal e tamén nas rebaixas en lugar de facelo en grandes superficies comerciais ou en plataformas estranxeiras de venda on line”.

ACTIVIDADES

Ao longo da campaña de Nadal, Acisa organizará outras actividades para animar as compras.

Contaremos cun Papá Noel para os máis pequenos, cun carteiro real, cunha árbore de Nadal, que estará instalada na rúa San Roque, e con algunhas outras sorpresas”, precisan desde o colectivo.

33 ALTAS NESTE 2018

Acisa Ribadeo estrea con esta campaña o logotipo conmemorativo do 30 aniversario de creación da asociación, que se cumprirá en 2019.

O colectivo de comerciantes ribadense felicítase porque ao longo deste 2018 producíronse 33 novas altas de establecementos asociados.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here