Mulleres afectadas polos vídeos da Maruxaina denuncian que só están recibindo citacións as que teñen avogado

"Temos constancia que todas estas notificacións só nos chegaron aos que temos avogado, se as que non o teñen non o saben... Como van presentarse?", alertou unha das declarantes.


As máis de 80 mulleres gravadas mentres ouriñaban na rúa durante as festas da Maruxaina –celebrada en 2019 en San Cibrao– comezaron a comparecer, por primeira vez desde que se abriu a investigación, no Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro, onde avisaron de que só as vítimas con avogado reciben citación para declarar.

Este venres foi a quenda de case unha vintena de afectadas que, unha a unha, prestou declaración ante o xuíz, quen lles ofreceu as accións por se queren reclamar danos e prexuízos.

En novembro de 2021 a Audiencia Provincial de Lugo ordenou reabrir o caso das gravacións humillantes a mulleres ouriñando na rúa na romaría da Maruxaina de 2019 e obrigou ao Xulgado de Instrución Número 1 de Viveiro a investigar a autoría dos vídeos.

José Manuel Oliveros, avogado da asociación Bumei, explicou que esta primeira declaración ante o xuíz é “un trámite para ratificar a denuncia interposta en sede policial e pediráselles que manifesten se queren reclamar os danos e prexuízos que se lles causou”.

Respecto diso, engadiu que é o momento de que as denunciantes acheguen, “se queren”, algún informe psicolóxico no que se recolla o dano causado polos feitos sucedidos “porque moitas delas está en terapia”, abundou.

Unha das 87 mulleres citadas para declarar ante o xuíz é Paloma Maseda, quen se mostrou “positiva” de cara ao futuro da investigación e agradeceu que “por fin” se lles “está escoitando”.

Con todo, Maseda denunciou que non todas están a ser avisadas para declarar. “Só as que temos avogado e procuradores estamos a ter constancia destas citacións”, lamentou.

PERSOAIS E TELEMÁTICAS

As declaracións prestaranse persoal e telematicamente, en función do lugar de residencia de cada unha das afectadas. Durante os meses de febreiro e marzo levarán a cabo as citacións a distancia e en abril as presenciais, abundou.

“Temos constancia que todas estas notificacións só nos chegaron aos que temos avogado, se as que non o teñen non o saben… Como van presentarse?”, alertou.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here