A Diocese de Mondoñedo-Ferrol fixo público este xoves un protocolo de prevención fronte a abusos sexuais a menores e persoas vulnerables na diocese de Mondoñedo-Ferrol.
Nun comunicado remitido aos medios, a diocese explica que o documento responde os criterios e normas establecidas polo papa Francisco e vén complementar outros protocolos en vigor para a prevención, detección, denuncia e actuación ante este tipo de malos tratos infantís publicados en diversas institucións civís e relixiosas.
Así mesmo, sinala que o documento foi adaptado á realidade diocesana e nace da conveniencia de proporcionar unha guía sinxela e clara para que os responsables de parroquias, grupos pastorais, centros de formación, institucións e persoas que traballan no ámbito educativo e na pastoral con menores e adolescentes dispoñan duns criterios orientadores e uns procedementos de actuación ante posibles casos de abuso sexual a menores.
Deste xeito, a súa finalidade está centrada en axudar aos sacerdotes e axentes de pastoral para que coñezan como deben actuar ante posibles casos de abuso sexual que poidan darse nas parroquias, centros de formación, institucións e demais ámbitos da pastoral diocesana nos que se traballa na educación dos menores ou con adultos vulnerables.
O documento, sinala o comunicado, foi aprobado para uso interno no territorio da diocese por decreto do bispo Fernando García Cadiñanos, previa consulta co consello episcopal e a Comisión Protexe, por un período de tres anos. Ademais, permanecerá aberto á incorporación da nova lexislación e normativa xurídica civil e eclesiástica que durante este período puidese publicarse sobre a materia.