A Garda Civil investiga de oficio o vídeo do condutor kamikaze que circulou un par de quilómetros en sentido contrario na estrada Nacional 634 ao seu paso por Mondoñedo.
A peza audiovisual, gravada por outro condutor, comparteuse ao longo do luns por infinidade de grupos de whatsapp e tamén en redes sociais como Twitter ou Facebook.
Nos 41 segundos que dura o vídeo, o condutor circula en dirección contraria por un carril que os vehículos do outro sentido teñen para realizar adiantamentos, ata que se da conta de que está a cometer un erro e pon a intermitente para volver ao seu lado da estrada. Afortunadamente, non houbo que lamentar incidencias graves.
30 MORTES AO ANO
A Dirección Xeral de Tráfico (DXT) calcula que os condutores kamikazes provocan 30 accidentes mortais cada ano.