InicioSucesosA muller trasladada ao hospital tralo incendio nas vivendas sociais de Barreiros...

A muller trasladada ao hospital tralo incendio nas vivendas sociais de Barreiros permanece na UCI

O seu home, tamén septuaxenario, fica en observación e outros dous afectados por inhalar fume recibiron a alta; o lume motivou o desaloxo de 13 persoas

Publicada o

- Advertisement -

A muller trasladada este mércores ao Hospital Público da Mariña xunto ao seu home, ambos septuaxenarios, e outras dúas persoas logo dun incendio que se produciu nun dos bloques de vivendas sociais de Barreiros, permanece na Unidade de Coidados Intensivos (UCI), mentres que o seu esposo está en observación e os outros dous afectados recibiron a alta médica. Así o confirmou o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

A muller non padece queimaduras, aínda que -como as outras tres persoas trasladadas ao centro hospitalario da bisbarra- si resultou afectada pola inhalación de fume, ata o punto de que perdeu a consciencia e tivo que ser rescatada da vivenda polos Bombeiros de Barreiros.

A anciá, de 72 anos, tivo que permanecer parte da xornada do mércores nun coma inducido do que espertou a última hora da tarde, segundo informaron fontes próximas á familia, e aínda que evoluciona “de forma favorable” segue na UCI. O seu home, de 73, foi subido á planta e agárdase que reciba a alta este xoves.

A NEVEIRA, POSIBLE FOCO DO LUME

O lume calcinou por completo unha cociña e afectou a todo o edificio a causa do fume, polo que foron desaloxadas 13 persoas “pola intensa fumareda e as dificultades para respirar” que polo momento non poden volver ás súas casas. A orixe do incendio sitúase posiblemente na neveira da vivenda na que se rexistrou, onde vivía o matrimonio.

OCORREU DE MADRUGADA

Segundo informou o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia, sobre as 3.30 horas deste mércores comezou a recibir chamadas procedentes dun edificio situado na Rúa das Casas Sociais de Barreiros debido ao intenso fume acumulado nos espazos comúns do inmoble, relataron as mesmas fontes.

Por iso, activouse un operativo formado polos servizos de extinción do parque comarcal de Barreiros e polos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que se desprazaron ao momento en diversas dotacións para atender aos feridos.

A SEPTUAXENARIA PERDEU A CONSCIENCIA E FOI RESCATADA

En total, foron trasladadas catro persoas. Segundo sinalou a Garda Civil, o lume iniciouse nun piso da primeira planta onde reside un matrimonio de septuaxenarios. O home puido saír ao exterior, pero a muller chegou a perder a consciencia e tivo que ser rescatada polos bombeiros, tras o que recibiu asistencia médica como consecuencia do fume que “respirou”.

O 061 enviou ao lugar catro ambulancias e persoal sanitario do Punto de Atención Continuada (PAC) de Ribadeo que atenderon a cinco pacientes.

O home da  tamén foi asistido tras unha crise de ansiedade. Ademais, outros dous homes de 19 e 50 anos, veciños do inmoble, foron trasladados por inhalación do fume e outro recibiu o alta no punto.

OS DESALOXADOS NON PODERÁN VOLVER POR AGORA

As restantes 13 persoas desaloxadas foron reacollidas en casas de familiares. Aínda que o Concello de Barreiros dispuxo o pavillón de San Cosme para reubicalas, non foi necesario.

Non poderán volver ata conseguir as condicións necesarias de habitabilidade, posto que o edificio quedou bastante afectado o fume, destacou o 112. Tamén é necesaria unha valoración dos danos.

Deste xeito, algúns residentes poideron entrar ás súas casas para recoller material, pero non poderán quedarse ata resolver estas dúas cuestións.

A COCIÑA DA CASA ONDE SE ORIXINOU, CALCINADA

Sobre os danos causados polo incendio, os Bombeiros de Barreiros indicaron que, ademais da acumulación de fume nas zonas comúns do edificio, resultou completamente calcinada a cociña do primeiro piso, onde se inicio o lume. Este operativo completouse coa intervención dos axentes da Garda Civil e autoridades municipais.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...