InicioSucesosO acusado de tentar matar á súa ex parella e o seu...

O acusado de tentar matar á súa ex parella e o seu fillo en Foz négao e fala dunha “relación tóxica”

A Fiscalía pide 30 anos de cárcere para o encausado, que alega ir "bastante cocido" o día no que se lle imputa abrir os fogóns da casa da súa ex compañeira sentimental para asasinala

Publicada o

- Advertisement -

EFE. O home que este mércores sentou no banquiño dos acusados da Audiencia Provincial de Lugo por intentar matar á súa ex parella e ao fillo dela, Luís Miguel S. V., negou os feitos que lle imputa o ministerio fiscal, que pide para el 30 anos de cárcere, e atribuíu a denuncia da muller á relación “tóxica” que ambos mantiñan.

O ministerio fiscal sostén que este veciño de Foz presentouse na vivenda da súa ex parella e abriu os catro fogóns da cociña e as bombonas de butano que había nun calendador e nunha estufa supostamente co obxectivo de acabar coa vida da muller e do seu fillo, porque nunca aceptou a ruptura da súa relación sentimental.

O xuízo comezou hoxe -día 12 de febreiro- na Audiencia Provincial de Lugo e o ministerio público impútalle ao acusado os delitos de asasinato en grado de tentativa, roubo, quebrantamento de medida cautelar e danos, porque sostén que o procesado entrou no piso da vítima, onde roubou e causou desperfectos, ademais de perseguir e de acosar de forma frecuente á muller, á que lle impedía “o libre exercicio da súa liberdade”.

Segundo o fiscal, o acusado “negouse” a aceptar o final da “relación afectiva” e, unha vez que cesou a convivencia entre ambos, dedicouse a controlar os movementos da súa ex parella, o que provocou nela unha sensación de temor que a obrigou a cambiar os seus hábitos e ata a pedirlle a unha compañeira de traballo que non a deixase soa.

ALEGA ESTAR BORRACHO O DÍA DE AUTOS

Durante a súa declaración, Luís Miguel S. V. negou que entrase na casa da súa ex parella o día de autos, o 30 de marzo de 2018, e tamén que abrise as bombonas de butano que había na vivenda coa intención de acabar coa vida da súa ex compañeira sentimental e a do fillo dela.

Recoñeceu, iso si, que pasou por preto da súa casa “bastante cocido“, pouco antes das dúas da madrugada, porque levaba “de viños desde as oito da tarde“, pero non se decatou desa circunstancia ata que ela lle falou, porque ía en busca do seu coche para marcharse ao seu domicilio.

FALA DUNHA “RELACIÓN ÁS AGOCHADAS” DA GARDA CIVIL

O acusado asegurou que, malia a orde de afastamento decretada o 15 de outubro de 2016 polo Xulgado de Instrución número 1 de Viveiro, mantivo unha relación coa suposta vítima desde xullo de 2011 ata o mesmo “día de ingresar en prisión”, o 31 de marzo de 2018.

De feito, dixo que intentou cumprir esa orde de afastamento, pero fíxoo só durante “17 días, ata que ela presentouse” para pedirlle “perdón“.

Desde entón, “quebrantei diariamente” a orde de afastamento “ata o día da miña detención”.

Asegurou que a relación entre ambos continuou “ás agachadas da súa familia e da Garda Civil” e o contacto entre ambos se prolongou ata cando el estaba ingresado en prisión, porque a muller chamábao “ata catro veces ao día”, chegou a “ingresarlle diñeiro” e ata saltaba “o valado” da súa casa para interesarse polos seus cans.

“AMBOS SOMOS DÚAS BOAS VÍBORAS”, AFIRMA

En todo caso, recoñeceu que a relación entre ambos era “tóxica”, porque ambos eran “adictos á cocaína e o alcol“.

“Se bebiamos como animais e nos drogábamos como leóns, discutiamos como feras. As resacas eran moi malas. Somos dúas boas víboras, o un contra o outro”, dixo o acusado na vista oral.

Tamén asegurou que nunca quixo facerlle dano “ao cativo“, porque dixo que quería ao neno “máis que” a “moitos membros” da súa propia familia.

O FISCAL ACÚSAO DE ROUBO EN CASA HABITADA E DE DOUS ASASINATOS EN GRAO DE TENTATIVA

Con todo, o fiscal sostén que o 30 de marzo de 2018 o acusado entrou sobre as 00.30 horas no piso da súa ex parella e, ademais de provocar varios desperfectos na vivenda, apoderouse de diversos obxectos de valor da muller, como xoias, unhas lentes e un perfume.

A continuación, “con ánimo de acabar coa vida” da muller e do seu “fillo menor de idade”, que vivía no mesmo domicilio, “abriu os catro fogóns da cociña de gas e as bombonas de butano da cociña, o quentador e unha estufa”.

O fiscal sostén que, nese momento, o acusado actuou con “pleno coñecemento e plena vontade de que coa súa actuación” provocaría a “morte” da súa ex parella e do seu fillo no momento no que ambos chegasen ao domicilio.

“ALTA PROBABILIDADE DE EXPLOSIÓN”

Subliña, ademais, que “existía unha alta probabilidade de explosión no caso de que se accionase unha fonte de ignición, como un mechero, un cigarro ou un interruptor de luz, dando como resultado a morte” da muller e do menor.

Finalmente, precisa o ministerio público, “non conseguiu o seu propósito”, dado que cando a súa ex parella chegou a casa, ao redor das 01.45 horas, “percibiu o forte cheiro a gas”, polo que pechou as bombonas de butano e os fogóns abertos.

Posteriormente, foi auxiliada por unha patrulla da Garda Civil, que foi alertada por ela mesma e por unha amiga súa.

Esa mesma madrugada, sobre as 01.50 horas, malia a orde de afastamento que lle prohibía achegarse a ela a menos de 40 metros, o fiscal aclara que o acusado dirixiuse á súa ex parella con ánimo de atemorizala, mentres esperaba no exterior da vivenda a chegada da Garda Civil.

O ministerio público considera que estes feitos son constitutivos dun delito de roubo en casa habitada, dous delitos de asasinato en grado de tentativa e un delito de quebrantamento de condena, coas agravantes de parentesco, razóns de xénero e reincidencia.

A ACUSACIÓN PARTICULAR PIDE ORDE DE AFASTAMENTO POR 20 ANOS

Por iso, pide para o acusado 30 anos de prisión, a prohibición de achegarse á súa ex compañeira sentimental e ao seu fillo durante 17 anos, unha multa de 7.200 euros e que indemnice á vítima con algo máis de 2.000 euros polos danos causados na súa vivenda e os obxectos roubados, así como que pague os danos provocados no edificio, valorados en 1.033 euros.

A representante da acusación particular, a letrada Cecilia González, afirmou antes de entrar no xuízo que hai “probas evidentes” na causa para condenar ao acusado, polo que se suma ao ministerio fiscal na petición de 30 anos de cárcere, aínda que pide que a prohibición de achegarse á vítima ou ao seu fillo sexa por 20 anos e unha indemnización por danos morais de 6.000 euros.

O AVOGADO NON PEDIRÁ A LIBRE ABSOLUCIÓN

O avogado da defensa, Joaquín Gayoso, precisou que a acusación “ten que demostrar” que o seu “patrocinado” foi quen abriu as bombonas de butano que había na casa, se é que realmente estaban abertas porque hai “discrepancias nas declaracións”.

Nese sentido, asegurou que o seu cliente “ten unha declaración moi clara, varias máis, pero unha proba testifical moi clara” na que se di que “nese momento estaba noutro lugar” e, ademais, por parte dunha “persoa que sinala que non o coñece”.

O letrado precisou que non pedirá a libre absolución do acusado, porque si recoñece o delito de quebrantamento de condena.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...