Controlada unha fuga de amoníaco en San Cibrao que obrigou a confinar veciños

O composto químico procedía da neveira dunha antiga carnicería da Praza do Penal

Fuga de amoníaco en San Cibrao. CEDIDA/MFS

Unha fuga de amoníaco procedente dun frigorífico en desuso obrigou a confinar aos veciños nas súas casas en San Cibrao, segundo confirmou o Centro de Atención ás Emerxencias (CIAE) do 112 Galicia.

O suceso aconteceu sobre as 21.00 horas do pasado mércores nunha antiga carnicería da Praza do Penal, en San Cibrao. O amoníaco dunha vella neveira foise liberando ata provocar un cheiro moi intenso, que obrigou a confinar aos veciños nas súas casas para evitar riscos. De feito, ninguén resultou afectado.

Para máis seguridade, durante toda esta noite, os efectivos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Cervo realizaron constantes revisións do estado do botellón de amoníaco afectado ata que nas próximas horas sexa retirado por unha empresa especializada no tratamento destas sustancias.

A alerta sobre este suceso recibiuse no 112 Galicia ás 21.00 horas de onte, mediante as chamadas de varios veciños que vían saír fume dun pequeno cuberto a carón dun antigo establecemento comercial. Igualmente, xa facían referencia a un cheiro forte e estraño que invadía a zona. Os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia avisaron aos Bombeiros de Viveiro, GES de Cervo, axentes da Garda Civil e mesmo chegou a desprazarse ao lugar o responsable de emerxencias da delegación da Xunta de Galicia en Lugo.

Unha vez na Praza do Penal, comprobaron que se trataba non dun incendio, senón dunha fuga de amoníaco procedente dun vello frigorífico. Para evitar danos persoais, os equipos de emerxencias solicitaron a colaboración dos axentes da Garda Civil para manter aos veciños confinados nas súas casas e lonxe da súa exposición a esta sustancia.

Nas próximas horas, a Axencia Galega de Emerxencias (Axega), xunto co GES de Cervo e unha empresa especializada, retirarán o botellón de amoníaco danado.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here