A Deputación condena o “ataque á dignidade das mulleres” dos vídeos con cámara oculta da Maruxaina

O goberno provincial asegura que as gravacións de mozas ouriñando na festa son mostra de "machismo" e dunha concepción "patriarcal e patrimonial" das rapazas

Actuación musical na Maruxaina. MEKANIKA ROLLING BAND

A Deputación Provincial de Lugo, a través do área de Muller e Igualdade, expresou nun comunicado “a súa total repulsa e condena” pola difusión en webs porno duns vídeos gravados con cámara oculta en San Cibrao (Cervo), na Festa da Maruxaina, nos que se ve a varias mulleres ouriñando nunha rúa da localidade.

Segundo a Deputación, “trátase dunha flagrante violación da intimidade das mulleres que sufriron esta conduta deplorable e dun brutal ataque á súa dignidade, ademais dunha mostra clara de machismo e desprezo cara á muller”.

SOLIDARIDADE COAS VÍTIMAS

Trátase, engade a institución, “dun comportamento intolerable nunha sociedade democrática e nun estado social e de dereito”.

“Como institución que respecta profundamente os dereitos e as liberdades, e cre e promove activamente a igualdade, a Deputación tamén expresa a súa “solidariedade, consideración, afecto e o seu total apoio ás mulleres que están sufrindo este gravísimo ataque por quen segue tendo unha concepción patriarcal e patrimonial da muller”.

Por iso, confía “na acción policial para esclarecer a autoría de tan vergoñenta e atroz actuación”, así como que “a Xustiza faga recaer todo o peso da lei sobre as persoas que a cometeron”.

DUCIAS DE DENUNCIAS

Tanto a Asociación Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei) como o Concello de Cervo informaron da presentación de denuncias por este motivo; tamén o fixeron decenas de mulleres afectadas, tanto na Policía Nacional de Viveiro coma na Garda Civil de Burela, encargada da investigación. Así mesmo, o Observatorio da Mariña pola Igualdade tamén amosou a súa condena dos feitos.

Polo de agora descoñécese se os vídeos, que foron borrados de varias páxinas, están publicados noutros sitios web. Dada a ubicación de cámaras fixas que barreron distintos ángulos dun calexón próximo á praia da Caosa e incluso amosaban as facianas das vítimas, e tamén pola longa duración das pezas audiovisuais, investígase sobre a base duns actos planificados con antelación.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here