O Concello de Viveiro emitiu este martes unha nota de prensa na que informou do resultado do “incremento” da vixilancia nas zonas de lecer nocturno efectuada pola Policía Local durante a pasada fin de semana, do 21 ao 24 de agosto, coa finalidade de tratar que se cumprisen as medidas impostas pola Xunta de Galicia con respecto ao Covid-19. Como resultado do operativo levantáronse 14 actas de propostas de sanción: cinco delas, por non facer uso da máscara, dúas por fumar en espazos públicos sen gardar a distancia, catro por consumir alcol en vía pública, dúas por falta de consideración aos axentes e unha contra un establecemento de hostalería por apertura ao público fora do horario permitido.
Neste último caso, concreta o Concello, “trátase dun establecemento de hostalería situado na zona de Granxas-Parquemar, o cal, nun primeiro momento pechou as súas portas á hora establecida (01.00 horas), pero, tras unha queixa veciñal formulada á Policía Local por veciños, a altas horas da madrugada, os axentes comprobaron que o establecemento volvera a abrir ao público, atopándose a clientes, camareiros e o propietario no seu interior, consumindo bebidas e con música. Algunhas destas persoas non facían uso da máscara. Procedeuse ao desaloxo do local”, explica o goberno municipal.
CONTROIS DE ALCOLEMIA E DE VELOCIDADE
No tocante aos controis de alcolemia, realizáronse 49 probas, das que dúas arroxaron un resultado positivo, tramitando as denuncias administrativas que conlevan unha sanción económica de 500 euros e aparellada a retirada de catro puntos do permiso de conducir. Establecéronse, tamén, controis de velocidade sobre 652 vehículos, resultando un total de 32 infraccións.
UN CONDUTOR DEUSE Á FUGA TRAS BATER CON DOUS COCHES ESTACIONADOS
Doutra banda, a Policía Local investiga para tratar de localizar ao condutor implicado nun accidente de circulación con fuga, con resultado de danos materiais. O incidente tivo lugar na estrada do Pirixel, á altura de San Lázaro, na madrugada do luns 24 ao martes 25, cando un vehículo chocou contra dous vehículos estacionados, ausentándose do lugar. Os vehículos sofren importantes danos.