Identifican un mozo de Viveiro como autor de danos a seis coches na noite da festividade de San Roque

As cámaras permitiron a localización do rapaz, de 19 anos e que ía bébedo tras celebrar un "botellón" cos amigos, tirando pedras aos turismos aparcados en Cantarrana

Avenida de Cantarrana. GOOGLE MAPS

A Policía Nacional de Viveiro anunciou a través dun comunicado de prensa que identificou ao autor dos danos causados con pedras a seis vehículos, mentres se atopaban aparcados nas inmediacións da Rúa de Cantarrana, en Covas, durante a madrugada da festividade de San Roque, cuxa celebración foi suspendida por causa do coronavirus.

“Tras revisar as cámaras da zona e contrastar a información facilitada por varios veciños”, os axentes puideron localizar e identificar ao autor dos feitos, indica a nota. “Pasadas as seis da madrugada, recibíronse varias chamadas na Comisaría de Viveiro informando que un mozo estaba rompendo os cristais de vehículos aparcados, comprobándose a veracidade do comunicado pero sen que se puidese localizar ao autor dos mesmos”, expón a Policía Nacional.

“Ao presentar denuncia os propietarios dos seis vehículos danados iniciouse a investigación que permitiu a identificación do mozo, veciño de Viveiro, quen, unha vez en Comisaría e á vez que recoñecía ser o autor dos feitos e estar arrepentido, manifestou que non foi consciente da gravidade destes polos efectos do alcol inxerido nun “botellón” que fixera cuns amigos para celebrar San Roque”, conclúe a Policía Nacional, que deu traslado de todo o exposto ao Xulgado de Viveiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here