IniciosociedadeA familia espera o traslado do corpo da falecida en Xove, enterrado...

A familia espera o traslado do corpo da falecida en Xove, enterrado a “sete quilómetros e noutra parroquia”

Feijóo amosa a súa "solidaridade" cos prexudicados polo erro na identificación das usuarias da residencia e di que "non se pode repetir", aínda que non concreta medidas para impedilo

Publicada o

- Advertisement -

A familia da anciá usuaria dunha residencia enterrada tras un erro de notificación logo de falecer con Covid-19 en Ourense -ao confundila con outra usuaria do mesmo centro- espera o seu traslado á sepultura familiar en Xove.

Así o manifestou un sobrino da muller falecida, Modesto Ben, quen explicou que o corpo da súa familiar “está enterrado a sete quilómetros” noutra parroquia ao ser identificado como o doutra muller.

A familia espera que “esta semana saber algo” do traslado do corpo dun cemiterio a outro, tralo que “mirarán” se deciden presentar denuncia polo sucedido. “A familia decatouse cando viña curada de Covid-19”, recordou sobre como se decataron da morte da súa familiar “pola residencia”, trala confusión na identificación. “Esperaban a Conchita e chegoulles Rogelia“, apostilou.

De feito, un erro de identificación levou a que o pasado 13 de xaneiro se notificase a morte con coronavirus dunha anciá da residencia San Bartolomeu de Xove á súa familia, cando en realidade falecera outra usuaria coa que compartía habitación.

O incidente ocorreu no xeriátrico Os Gozos de Pereiro de Aguiar (Ourense), onde a Fundación San Rosendo -que xestiona ambos centros- dispón dunha planta para atender a usuarios de residencias diagnosticados de Covid-19. Ata alí desprazouse o pasado 29 de decembro a un total de 11 anciáns con coronavirus desde a residencia de Xove.

PERCORRIDO XUDICIAL

Pola súa banda, fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificaron que ao longo do sábado os xulgados de Viveiro e Ourense recibiron escritos emitidos pola Fundación San Rosendo para reparar o erro e poder proceder á exhumación do cadáver, aínda que por agora non hai ningún procedemento xudicial aberto, xa que ningunha das familias presentou demanda.

Pola súa banda, fontes da Fiscalía de Ourense confirmaron que ata a data non abriu ningunha actuación respecto diso, xa que non ten constancia de denuncia algunha presentada nin por familiares nin por ningún organismo.

FEIJÓO AMOSA A SÚA “SOLIDARIDADE” COAS FAMILIAS”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi preguntado na rolda de prensa na que anunciou as novas restricións en Galicia sobre este asunto.

Preguntado sobre se a Xunta que preside tomará medidas para evitar que se repita este caso, Feijóo falou de “lamentable confusión” e “erro excepcional, aínda que, matizou, “por por moi excepcional que sexa non pode volver producirse de ningún xeito“. Finalmente, amosou a súa “solidaridade” coas familias prexudicadas “nalgo tan importante e tan trascendente”, aínda que non concretou que iniciativas adoptará o Goberno autonómico para impedilo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...