O 29 de decembro ás 19:00 horas chegará ao Auditorio Municipal de Burela o musical La gran aventura de los Reyes Magos de Artes Escénicas Gaudium. O concelleiro de Cultura, José Díaz, considera que se trata “do mellor agasallo deste Nadal. É un musical para toda a familia, interpretado en rigoroso directo, que conta unha orixinal e divertida historia sobre os reis magos”.
O edil burelés sinala: “pensamos que é a mellor maneira de despedir este ano coas nosas fillas e cos nosos fillos”.
É Nadal e corre a voz de que un pequeno neno acaba de nacer nun cortello nos arredores de Belén. A misión de difundir a gran noticia foi asignada á divertida pero despistada Estrela, á que lle encomendaron a súa primeira misión desde que saíu da Academia de Estrelas Fugaces e que debe viaxar polo mundo sen descanso ata atopar aos tres reis magos. Guiados por Estrela Melchor, Gaspar e Baltasar deberán partir en busca do mozo recentemente nado (o neno Xesús) nunha viaxe chea de aventuras, ademais de perigos e trampas do malvado Rei Herodes, pero con moita diversión e moita música.
As entradas xa están á venda en lagranentrada.com Desde o Concello subliñan que “os menores de tres anos non pagan sempre que non ocupen asento”.
MÁXICA-MENTE
E o 30 de decembro ás 20:30 horas tamén no Auditorio de Burela terá lugar Máxica-Mente, un evento organizado pola Asociación de Magos da Mariña e pola Asociación de Saúde Mental A Mariña, coa colaboración do Concello. Os magos (Pi, Senín, Paredes, Aris e Joge) encherán de ilusión o auditorio. O prezo das entradas, que se venderán o mesmo venres no Auditorio, será de 5 euros. O recadado irá destinado á Asociación de Saúde Mental A Mariña.