A portavoz local do BNG en Viveiro, Miriam Bermúdez, sinala que a recollida de voluminosos é un servizo imprescindible. Con todo, apunta que en Viveiro “pegou un gran baixón nos últimos meses chegando ao punto de ter que agardar mes e medio como mínimo por unha recollida, mesmo con límites absurdos de 4 bultos”.
Segundo Bermúdez, o servizo para os voluminosos lévao agora unha nova empresa externa de limpeza despois de que lle rematase o contrato á anterior adxudicataria. Un servizo privatizado que debe ser supervisado en todo momento polo Goberno Municipal para que se dea cumprimento de todos os puntos do contrato asinado.
A representante do Bloque en Viveiro solicitará á alcaldía información para ver como restaurar este servizo público para o seu funcionamento normal e axeitado.