Vilaselán é a primeira parada do punto limpo móbil, adquirido polo Concello de Ribadeo hai unhas semanas para dar servizos ás parroquias. En Vilaselán, a carón da escola, estará ata o 12 de xaneiro. Despois estará situado do 12 ao 26 de xaneiro no campo da festa de Piñeira; do 26 de xaneiro ao 9 de febreiro na área recreativa de Vilaframil; do 9 ao 23 de febreiro estará no Círculo Habanero na Devesa; do 23 de febreiro ao 9 de marzo no campo da festa en Santalla de Vilausende; do 9 ao 23 de marzo a carón da escola de Couxela; do 23 de marzo ao 5 de abril na escola de Cedofeita; do 5 ao 20 de abril a carón da escola de Couxela; e do 20 de abril ao 4 de maio no teleclube de Arante.
O concelleiro de Medio Ambiente, Jorge Díaz, subliña que “unha vez rematada esta primeira quenda en maio, seguirá a segunda rotación na mesma orde e así ata principios do 2024. O calendario xa está feito e hoxe comezou a aplicarse.
O edil lembrou que “hai unhas semanas colocamos un punto limpo de proximidade en Rinlo e adquirimos este móbil no que a veciñanza das parroquias de Ribadeo poderá depositar residuos domésticos como aceite usado, pilas, aparatos electrónicos pequenos, luminarias, CDs, DVDs, radiografías, cápsulas de café, etcétera”.
Díaz Freije subliñou que “con isto damos un pasiño máis para consolidar a reciclaxe e para achegala un pouquiño máis ás familias, aos veciños e ás veciñas, intentando que todo o mundo deste concello se conciencie cada vez máis. Algo que será máis sinxelo ao contar cuns puntos de proximidade ao alcance de cada un de nós”. En Vilaselán estiveron hoxe os concelleiros de Medio Rural e Medio Ambiente, Marcos Villamil e Jorge Díaz.