-Como naceu en ti a vontade de estudar a comunidade caboverdiana en Burela mentres estudabas xornalismo?
É algo intrínseco a min, por dicilo dalgunha maneira. Todo nace de cando estudei no instituto IES Perdouro de Burela e ter de profesor a Bernardo Penabade e como ben sabe moita xente, é unha persoa con grandes vínculos coa cultura e coa comunidade caboverdiana e os seus estudantes. Desde moi nova tiven interese na multiculturalidade en Burela, un pouco tamén desde o enfoque lingüístico: como era posible a convivencia de tantas nacionalidades en Burela en canto ao idioma e o Modelo Burela. Aínda que estudei xornalismo, onde puiden realizar o traballo de investigación sobre a comunidade de Cabo Verde en Burela foi durante o mestrado que fixen en Barcelona, en concreto foi na Universidade Blanquerna e o mestrado foi Máster en Periodismo Avanzado. Reporterismo. Cando tiven que escoller o tema para o traballo fin de mestrado quería facer algo vinculado coa miña procedencia, ademais, sempre tiven inquietudes arredor do idioma por iso lle dei unha parte de enfoque lingüístico. Non había case nada de literatura académica sobre o tema. Por tanto, fixen este traballo digamos para “homenaxear”, non para sacarlles a voz, senón mediante entrevistas poder dalles presenza ás súas historias.
-Durante os estudos de xornalismo, como foches vertendo esas arelas por reflectir a existencia das xentes de Cabo Verde en Burela?
Era máis ben durante o día a día. En canda conversa ou en cada oportunidade que tiñamos de falar sobre o xornalismo en Galicia, de falar do idioma e de multiculturalidade, sempre tentaba mostrar o feito de vir de Burela e dar a coñecer a diversidade nacional e cultural que temos nunha vila de 10.000 persoas. Nese día a día, sobre todo co profesorado, tentaba resaltar todo ese patrimonio dalgunha maneira. Dentro dos anos de carreira non recordo ter feito algún traballo en concreto, por iso digo que o deixaba ver no día a día para dar a coñecer todo ese patrimonio multicultural que temos aquí.
-Xa se tiñan feito traballos académicos con anterioridade sobre o mesmo suxeito. Mais cando ti te presentaches coa vontade de facer un novo achegamento académico sobre os caboverdianos en Burela, a comunidade foi receptiva?
Sin, sen dúbida ningunha. Algúns foi porque me puido facilitar o vínculo Penabade e outros que puiden buscar eu polas redes sociais, algúns foron veciños meus aínda que agora estean vivindo noutros lugares, mais todos foron receptivos a falar comigo e así poder darlle voz ás súas historias.
fixen este traballo digamos para “homenaxear”, non para sacarlles a voz, senón mediante entrevistas poder dalles presenza ás súas historias
-Cal foi o teu periplo logo de finalizar a carreira?
Sempre me gustou o xornalismo de profundidade, esas pezas que se cocen amodo e con calma. Cando acabei a carreira funme para Barcelona o seguinte curso académico para facer o mestrado que escollín, pois era o único que non estaba vinculado a un medio de comunicación. Á parte, tamén ofrecía reporterismo de TV, radio e xornalismo escrito. Cando tiven que facer o traballo fin de mestrado elixín realizalo sobre os e as miñas veciñas de Cabo Verde.
-Dentro da universidade Blanquerna tiveches a titoría dun profesor especializado en temas africanos.
Máis ou menos. Cando comecei a investigar sobre a literatura académica vin o nome dun profesor chamado Antoni Castell que non é da universidade Blanquerna, mais si é membro do Grup de Estudis de las Societats Africanas e tamén ten un libro sobre Cabo Verde publicado por Casa Africa, a institución especializada en África dentro de España. Non foi profesor meu mais si puiden falar con el.
-Este profesor coñecía dos e das caboverdianas en Burela ou cando falaches con el era a primeira noticia que tiña?
El coñecía de oídas a existencia desa comunidade. Con todo, descoñecía tanto a magnitude como a profundidade en Burela. Tivemos a oportunidade de falar, resultoulle interesante e quedou en que se tiña oportunidade, pasaría por aquí e investigaría sobre o tema. O que eu lle contara encaixáballe bastante, ademais de que eu lera o seu libro e así coñecía as hipóteses que el presentaba. Finalmente coincidía moito co que el investigara: unha poboación que ten como parte intrínseca do seu ser a emigración, o vínculo co mar noutros países ou localizacións no Estado como pode ser o País Vasco.
-Como desenvolviches o teu traballo de mestrado?
Primeiramente foi buscar fontes literarias formais sobre Cabo Verde, en concreto, na comunidade de Burela sobre a que había un par de traballos. Despois encontrei a Antoni Castell, entrevistei persoas que traballan con esta comunidade e logo darlle a voz a quen eu considero que debe falar, as voces da comunidade caboverdiana. Como foi durante a explosión da COVID, fíxena con menos fontes das que a min me gustaría, mais puiden entrevistar a catro persoas, Antonina Semedo, Edilson Sanches, Ivandro Soares e Paula Jorge. Con eles catro puiden falar. Con estas fontes externas e coa literatura que había fixen unha introdución formal e un relato das historias de cada un deles.
-Tes interese en publicar este traballo fin de mestrado?
Presenteino hai dous anos e si que me gustaría publicalo, así pois ao mellor lle dou unha oportunidade investigando algo máis e ampliándoo.