O alcalde do Valadouro, o socialista Edmundo Maseda, esixe a Augas de Galicia que reinvirta o achegado polos veciños do municipio porque, lembra, “desde 2012 non fixo nin un só investimento relacionado coa mellora dos abastecementos, saneamentos, depuradoras de augas residuais ou os ríos que pasan polo concello”.
Maseda explicou que o recadado debería financiar actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotación de depuradoras de augas residuais e xestión dos ríos, tendo coma un dos obxectivos primordiais fomentar o uso racional da auga e o aforro da mesma.
O socialista asegura que estes fondos empréganse para outras actuacións diferentes ás estipuladas no canon. “O cobrado no Valadouro debería ser invertido no municipio. É o máis xusto”, sostén.
“Se non chega a ser polas actuacións que dende o Concello e a Deputación desenvolvemos para mellorar a calidade da auga nas nosas parroquias, Valadouro seguiría igual que hai unha década”, indica o rexedor, que sostén que “sen investimentos, obrigan ás persoas do rural a marchar”.
“Non é normal é que os veciños paguen por un recibo medio de 40 euros, outros 48 polo canon da auga, e logo por cambiar un canlón do tellado a Xunta enrriba cóbreche máis de 100 euros en taxas pola autorización da obra. É un abuso e unha inxustiza”.
TARDANZA NAS AUTORIZACIÓNS
Maseda afea tamén ao ente dependente da Consellería de Mobilidade e Infraestruturas o tempo que tarda na concesión dos permisos a particulares para realizar obras.
“Hai veciños que quixeron cortar unhas árbores e agardaron catro meses ou unha veciña que para pintar a súa casa esperou un semestre para contar co visto bo de Augas de Galicia”, explica.