InicioEconomíaAlcoa modifica o acordo de 2021 e propón dilatar o arranque total...

Alcoa modifica o acordo de 2021 e propón dilatar o arranque total da factoría a cambio de blindar empregos

Mantén o rearranque da produción de aluminio primario en xaneiro de 2024, pero o 100% das cubas non funcionaría ata outubro de 2025.

Publicada o

- Advertisement -

Alcoa informou de que presentou ao comité de empresa de San Cibrao, en Cervo, unha “proposta final” que, segundo defende, “incrementa os investimentos” na planta de aluminio e supón “unha maior protección laboral” para o persoal, aínda que tamén expón dilatar o arranque total da factoría.

A proposta –remarca a compañía nun comunicado– amplía o período de protección laboral dos traballadores da planta de aluminio, garante un período no que a electrólise deberá estar operativa e prevé un investimento adicional de 88 millóns de dólares na planta. Mantén o inicio do rearranque da produción de aluminio primario o 1 de xaneiro de 2024, aínda que se modifica o programa de rearranque respecto ao acordo orixinal.

Segundo a proposta presentada, Alcoa tería polo menos 32 cubas operando o 1 de abril de 2024 e arrincaría o cento por cento das cubas o 1 de outubro de 2025. Durante ese período, o mínimo de cubas en funcionamento sería o maior de dúas opcións: 32 cubas ou o número de cubas que poidan manterse mediante os acordos de compra de enerxía (PPAs), ata o momento en que poñan en funcionamento a totalidade das cubas.

Desde o 1 de outubro de 2025, a produción mínima será do 75% da capacidade de produción total de 228.000 toneladas/ano ata finais de 2026. A alúmina utilizada na planta de aluminio compraríase á refinaría de San Cibrao.  Segundo a proposta, Alcoa investiría 88 millóns de dólares, ademais dos 103 millóns de dólares contemplados no acordo orixinal para investimentos de capital e custos de rearranque. A maior parte do compromiso adicional destinaríase ao forno de cocción de ánodos e ás barras de compensación magnética.

Outros proxectos, como o novo transformador, o forno de homoxeneización e o catro mesas de coada que formaban parte do acordo orixinal, continúan en desenvolvemento. Ademais, engádese o novo proxecto ‘Gas Insulated Switchgear’.

NON INICIAR ERTES ATA O 31 DE DECEMBRO

Con esta proposta, Alcoa tamén ampliaría o seu compromiso de non iniciar Expedientes de Regulación de Emprego, nin ERTEs en Aluminio Español ata o 31 de decembro de 2026, así como outros beneficios laborais. Os representantes dos traballadores comprometeríanse, a cambio, a manter a paz social polo menos ata o 31 de decembro de 2026.

MODIFICACIÓN DO ACORDO DE 2021

A proposta, pendente de aceptación polo Comité de Empresa antes do 6 de febreiro de 2023 modificaría o acordo orixinal alcanzado en decembro de 2021. A empresa conclúe que todos os elementos incluídos no acordo de decembro de 2021 e non modificados polos termos desta proposta de mellora seguirán vixentes.

REUNIÓN COA XUNTA ESTE MÉRCORES

Pola súa banda, o presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, informou de que a empresa trasladou esta proposta sen dar “máis pé a negociación”.

Na próxima xornada espera poder tela íntegra para que poida ser transmitida ao resto de traballadores e “verificada”. “Manaña temos unha reunión coa Xunta e aínda nos falta unha interna coa Xunta e o Goberno para pór en común as posicións”, transmitiu, a través dun vídeo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...