O Concello segue a mellorar a súa rede municipal de camiños coa actuación que se está a realizar estes días no acceso a Vilar, en Piñeira. Até o núcleo de Vilar se desprazaron nas últimas horas os concelleiros de Economía, Obras e Medio Rural, Pablo Vizoso, Mónica Freire e Marcos Villamil.
O edil de Economía contou que “neste inicio de 2023 continuamos a executar melloras na rede de camiños municipais, neste caso no núcleo de Vilar, que aínda que pertenza á parroquia de Piñeira, atópase moi vinculado ao espazo urbano pola súa proximidade á vila”.
Vizoso Galdo explicou que “neste acceso central ao núcleo de Vilar, estivemos meses traballando e en contacto continuo coa veciñanza para intentar un arranxo integral deste vial de acordo co noso plan xeral de ordenación, mais isto non foi posible porque non dispuxemos dos terreos necesarios para elo. A pesar disto, desde o Concello mantivemos sempre a vontade de arranxar esta rúa que se atopaba en mal estado co que optamos por un dobre rego asfáltico, que se está a executar nestes días”.
O concelleiro ribadense subliñou que “esta obra está financiada a través de fondos propios municipais”. E lembrou que “desde o Concello levamos xa uns anos facendo un importante esforzo para mellorar a nosa rede municipal de camiños, e nisto andamos estes días, nos que continuaremos executando outras obras de acondicionamento de rúas e camiños”.