“A trastenda de Nicomedes” abriu as portas este xoves con deseños de dez creadores e artesáns. O mercado de Nadal, instalado na sala multiusos do concello de Viveiro, ofrece un variado catálogo de agasallos para estas datas: desde complementos de moda e xoeiría, textil, decoración ou maquillaxe ata cervexas artesás.
Señora María, Imavi, David Catá, Santana Bags, Fontemeimil, Cervexa Artesá Augas Santas, Rappa Taller, Feitizo, Belén Dablanca Make Up e Paula Dimé son as firmas que conviven no espazo habilitado no baixo da casa consistorial.
Trátase na súa maioría de firmas galegas, catro delas viveirenses. Entre as marcas locais, atópase a máis novidosa, a do artista David Catá, que estrea unha liña de artigos de moda e decoración creados a partir das súas fotografías, pinturas e esculturas.
“Buscamos organizar algo un pouco diferente dos mercados de Nadal típicos, con postos para cada vendedor”, explica Paula López, unha das impulsoras da iniciativa que define como unha “tenda efímera”.
Ademais de compartir espazo, os produtos teñen un selo común: a calidade e a orixinalidade.
OBRADOIROS E DEMOSTRACIÓNS
A actividade comercial compleméntase con outras propostas que amenizan o mercado como demostracións artesanais, catas ou obradoiros infantís.
Así, entre as propostas figura un taller de adornos de Nadal con arxila e outro de cociña a cargo dos autores de “Bolboretas no bandullo”.
COLABORACIÓN DO CONCELLO
O mercado converteuse nun dos grandes atractivos do Nadal viveirense, que este ano conta cunha ampla axenda de actividades e espectáculos.
O concello colabora desde a primeira edición coas organizadoras, especialmente na parte loxística coa cesión do local e o acondicionamento dos espazos para realización dos obradoiros e demostracións que se programan.
“Viveiro non tiña un mercado de Nadal ata que este puxemos en marcha A trastenda de Nicomedes e creo que é unha idea que a todas nos interesa que teña continuidade no tempo”, conclúe Paula López.
O mercado permanecerá aberto ata o vindeiro 4 de xaneiro.