O Concello de Lourenzá iniciou as obras incluídas no proxecto de eliminación de barreiras arquitectónicas no entorno do casco urbano de Vilanova. A alcaldesa, Rocío López, e o concelleiro de Obras, Javier Huertas, visitaron hoxe, xoves, os lugares onde se están desenvolvendo eses traballos.
Rocío López, explica que “estas actuacións englóbanse dentro dun Plan de Adaptación e Supresión de Barreiras para a Área de Rehabilitación Integral do casco antigo de Lourenzá e marcan o inicio das intervencións de cara a un futuro cunhas infraestruturas máis accesibles para todos e todas e sen barreiras. En concreto as actuacións descritas no proxecto céntranse en varias beirarrúas e pasos de peóns que non cumprían coa actual lexislación en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras. Esta actuación supón o inicio dunhas obras que eran moi necesarias para facilitar a accesibilidade e mellorar a calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade e mobilidade reducida. Estas obras son fundamentais para avanzar de cara a un municipio inclusivo e accesible que garanta a autonomía das persoas e na que todos os cidadáns teñan igualdade de oportunidades”.
A rexedora municipal engade que esta actuación “contempla a resolución dos desniveis nos recorridos peonís entre as beirarrúas e os pasos de peóns de dous xeitos distintos, de acordo á súa situación e condicionantes: elevando a plataforma do propio paso de peóns ata o nivel da beirarrúa existente ou ben rebaixando a plataforma da beirarrúa, con recorridos accesibles, ata o nivel da plataforma da vía existente. A maiores levarase a cabo un pintado dos pasos de peóns e demais marcas viarias para garantir unha circulación segura tanto para vehículos como para peóns”. O presuposto destas obras ascende a 43.261 euros.