InicioOrientalRibadeoAna Pontón presenta a Pablo Vizoso como o alcalde que seguirá facendo...

Ana Pontón presenta a Pablo Vizoso como o alcalde que seguirá facendo avanzar Ribadeo

A portavoz nacional do BNG resaltou que Vizoso "será un extraordinario alcalde porque aprendeu do mellor", subliñou en relación a Fernando Suárez.

Publicada o

- Advertisement -

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou en Ribadeo no acto de presentación de Pablo Vizoso como futuro alcalde de Ribadeo liderando unha candidatura do BNG reforzada, que combina experiencia e renovación, e que permitirá ao concello seguir na senda de progreso e de futuro.

“Pablo será un extraordinario alcalde porque ten experiencia, porque é unha unha persoa seria, rigorosa, na que confiar; os veciños e as veciñas saben que terán no seu próximo alcalde unha persoa resolutiva, próxima, coa que poder falar, dialogante. A veciñanza sabe que vai poder contar co seu alcalde, que estará ao seu carón buscando e aportando solucións”, resaltou, “será un extraordinario alcalde porque aprendeu do mellor”, subliñou a líder do BNG en relación a Fernando Suárez, o até agora rexedor de Ribadeo, nunha intervención na que tamén tivo palabras de recoñecemento para a ex concelleira Mariluz Álvarez.

Con Pablo Vizoso como alcalde, “Ribadeo seguirá avanzando e mellorando, cunha equipa reforzada que combina experiencia e renovación. Aí estará Mónica (Freire), aí estará Vicente (Castro)”, destacou a líder nacionalista, citando a dúas das persoas que integran a candidatura do Bloque de cara á cita electoral do 28 de maio.

“Queda moito, moito porvir para este concello da man dun BNG con máis ganas que nunca, con forzas renovadas para un gran obxectivo: que Ribadeo siga avanzando, que siga sendo o gran referente da Mariña é un dos grandes concellos de Galiza”, proclamou. Pontón destacou que Ribadeo é hoxe “un concello orgulloso da súa identidade, exemplo de rehabilitación urbana, referente en servizos, cun patrimonio arquitectónico e natural espectacular con dinamismo económico e social”.

Neste sentido, a portavoz do Bloque fixo referencia a unha das grandes infraestruturas sociais coas que conta o concello, a residencia da terceira idade: “Non vou enumerar todos os logros e avances postos en marcha polo goberno do BNG, porque non acabaría nunca, pero permitídeme que cite un que da a medida do que somos capaces: a residencia de maiores de Ribadeo, a única residencia pública posta en marcha en Galiza en catorce anos, a única. E sen un só euro da Xunta!”, destacou.

A líder nacionalista puxo Ribadeo como exemplo da capacidade de goberno do BNG, do modelo de éxito dos gobernos municipais do Bloque, capaz de facer avanzar os concellos que lidera e de transformalos en vilas e cidades con oportunidades, con benestar social, con calidade de vida.

MODELO DE MODELO DE ÉXITO

“En Ribadeo o BNG demostrou do que somos capaces, demostrou que sabemos gobernar coma ninguén e este concello é un exemplo do modelo de éxito dos gobernos municipais do BNG, gobernos de calidade que saben xestionar cada euro con eficacia; gobernos solventes, con capacidade para transformar en positivo e mellorar a vida das persoas; gobernos que fan que os concellos prosperen, que teñan dinamismo económico e social; gobernos con ideas para encarar os grandes retos de presente e de futuro”, salientou.

RESULTADO HISTÓRICO 28M

En concellos como Ribadeo, o BNG demostra que hai outra maneira de gobernar, que as cousas se poden facer ben neste país, indicou, “e con ese aval presentámonos o próximo 28 de maio ante a cidadanía, unhas eleccións nas que imos ter un resultado histórico, nas que imos ser a forza política que máis suba, unhas eleccións que serán un gran paso adiante para abrir un tempo novo en Galiza e darlle a este país, por primeira vez, un goberno liderado polo BNG e cunha presidenta coas mans libres”.

Tedes a miña palabra de que ese goberno será un aliado incondicional de Ribadeo, e que lonxe de poñer paus nas rodas, remará na mesma dirección e sumará ao gran traballo que vai facer o Pablo como alcalde e todo o seu equipo a favor deste concello e da súa veciñanza”, proclamou.

MOMENTOS DE RETO ANTE A CRISE

Na súa intervención, Pontón tamén fixo referencia ao contexto complexo, no medio dunha crise de prezos que soben máis en Galiza, pese a ter salarios por debaixo da media e as segundas pensións máis baixas de todo o Estado. Por iso, o Bloque vai seguir presentando alternativas viábeis para unha saída galega e xusta a esta crise, como a defensa dos servizos públicos, particularmente a sanidade.

“Porque, fronte ao PP que leva trece anos de recortes e privatizacións, o BNG defende a sanidade pública, porque temos dereito á saúde con independencia dos cartos que teñas na conta corrente”, subliñou. Alternativas xustas, porque fronte ao espólio éolico que promove o PP “para que as eléctricas se sigan forrando”, o BNG defende a tarifa eléctrica galega para abaratar a factura da luz as familias e as empresas, “que para algo estamos nun país rico en electricidade”, explicou.

Alternativas sociais e xustas, afondou, tamén ante a subida das hipotecas. 175.000 familias teñen unha hipoteca que sobe de media 250€, mentres a banca ten beneficios obscenos. O BNG propón un plan de rescate hipotecario pagado pola banca para axudar as familias hipotecadas con menos ingresos. “Se se puido gastar 90.000 M€ no rescate bancario por que non ás familias?”, interpelou.

“Galiza precisa un cambio de rumbo e estou segura de que o próximo 28M imos dar importantes pasos adiante para conseguilo, imos seguir traballando con rigor, con humildade sabendo que somos a esperanza de moitos galegos e galegas para construír esa outra Galiza posible, concello a concello”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...