Unha persoa faleceu a tarde deste domingo despois de que o vehículo que conducía saíu da vía e, posteriormente, envorcou, cando circulaba polo municipio lugués de Trabada, segundo informou 112 Galicia. Polo momento a Garda Civil investiga as causas desta saída de vía.
Ao lugar do sinistro desprazáronse sanitarios de Emerxencias 112 Galicia, Bombeiros do municipio, GESA Pontenova, ademais da Garda Civil de Tráfico e Protección Civil da localidade. O 061 desprazou unha UVI móbil con base en Foz, con persoal médico e de enfemería, que nada puideron facer por salvar a vida do condutor e único ocupante do coche, un vehículo tipo 4×4 que se atopaba envorcado na cuneta. Os bombeiros confirmaron que non foi necesario o uso de equipos de excarceración.
ATENCIÓN PSICOLÓXICA
Os servizos de Emerxencias mobilizaron ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE) para atender aos familiares do home, P.P.G., de 43 anos de idade, que faleceu este domingo.
Así mesmo, Urxencias Sanitarias tivo que mobilizar a un médico de Urxencias de Ribadeo, para atender á muller do condutor falecido, que se atopaba no lugar do sinistro cunha crise de ansiedade.