Axentes do grupo de menores da xefatura provincial da Policía Autonómica en Lugo, en colaboración coa Policía Local de Ribadeo, levaron a cabo un dispositivo de prevención de consumo de alcol de menores de idade con resultado de oito actas de infracción por incumprimento de diversas normativas no consumo.
Segundo informa a Xunta nun comunicado, por unha banda, os axentes identificaron a 50 menores por incumprir a normativa sobre consumo de drogas e alcol por parte de menores de idade, lei 2/1996 e lei 11/2010. Adicionalmente, realizáronse actas por infracción da lei 4/2015, de protección da seguridade cidadá, por tenencia de sustancias estupefacientes na vía pública.
O obxectivo é previr a venda e a subministración de alcol ou tabaco a menores de idade tanto en locais de lecer como en bares, pubs ou discotecas, como en supermercados e tendas 24 horas. Tamén se efectúan intervencións preventivas nas concentracións da mocidade nas vías públicas, para controlar e evitar o consumo ilícito e o ‘botellón’.
A actividade dos axentes céntranse, sobre todo, en tarefas de inspección a locais e control e vixilancia das zonas de lecer frecuentadas por menores de idade. Os obxectivos pasan por que os establecementos se axusten á normativa en materia de alcol e tabaco, pero tamén especialmente que os menores de idade adopten pautas de conduta saudables, evitando o consumo destes produtos a idades temperás polas importantes repercusións para a saúde uqe teñen estes consumos na mocidade.