O Pescados Rubén Burela FS rematou invicto a primeira volta da Segunda División despois de rabuñar un punto na pista do Barcelona B (2-2).
O empate deixa un sabor agridoce, dado que os bureleses encaixaron o 2-2 a falta dun minuto para o final despois dunha segunda metade na que tiveron ocasións para sentenciar o encontro.
Pope adiantou aos bureleses no minuto 8 e Juan José deu a réplica no 11. Antes do descanso, Renato puxo de novo en vantaxe ao cadro mariñao, que gozou de oportunidades para liquidar o encontro.
A falta de dous minutos para o final do partido, o filial do Barça apostou polo xogo de cinco, que lle deu resultado a pouco do desenlace. Juan José anotou o seu segundo tanto da tarde e acadou o empate.
Con todo, o balance da primeira parte da competición é dificilmente mellorable. Os discípulos de Juanma Marrube suman 35 puntos, dous máis ca o Manzanares e tres máis ca o Betis, que ten un partido menos, o que xoga arestora na pista do Gran Canaria.
VINDEIRA XORNADA
O equipo burelés vaise de vacacións cos deberes feitos. Volverá á competición o 12 de xaneiro na pista do Gran Canaria, nunha xornada que pode ser importante, pois enfrontaranse Betis e Mengíbar e Barça B e Manzanares.