Na Escola de Cedofeita desenvolveuse hoxe, en horario de mañá e tarde, un curso de inserto de froiteiras, dentro do Plan de Formación Rural do Concello de Ribadeo.
Ata Cedofeita se desprazaron nesta xornada os concelleiros de Desenvolvemento Local, Igualdade e Medio Ambiente, Pablo Vizoso, Mónica Freire e Jorge Díaz.
O Plan de Formación Rural deu comezo o pasado 11 de febreiro cun curso de elaboración de queixos, ao que seguiron outro de poda de froiteiras, un de mantemento de motoserras, un de elaboración de pan, outro de primeiros auxilios e este de hoxe e inserto de froiteiras.
O Concello de Ribadeo está traballando nas actividades do plan para o segundo trimestre de 2023. “Proximamente publicaremos a relación dos diferentes talleres e obradoiros que se van desenvolver”, indican desde o equipo de goberno.
PUNTO LIMPO MÓBIL
O punto limpo móbil do Concello está ata o 5 de abril a carón da escola de Cedofeita. Esta é a sétima parada deste vehículo, adquirido hai unhas semanas para dar servizos ás parroquias.
Despois de Cedofeita do 5 ao 20 de abril o punto limpo móbil estará nas inmediacións da escola de Covelas; e do 20 de abril ao 4 de maio no teleclube de Arante.
A veciñanza pode depositar no punto limpo móbil residuos domésticos como aceite usado, pilas, aparatos electrónicos pequenos, luminarias, CDs, DVDs, radiografías ou cápsulas de café.