Efectivos de Emerxencias rescataron a un home que se precipitou desde o alto dunha ponte da autovía A-8, no municipio lucense de Barreiros, e que foi evacuado a un centro hospitalario.
Segundo informou o CIAE 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 23.15 horas deste martes, cando a Garda Civil de Tráfico recibiu un aviso por parte de operarios de conservación da autovía, que atoparan un turismo detido na beiravía, no quilómetro 528, en sentido Asturias.
Unha patrulla desprazouse até lugar e comprobou que un home se tirara desde o alto do viaduto e, aínda que estaba consciente, precisaba atención sanitaria urxente.
O 112 Galicia alertou a Urxencias Sanitarias-061, a Bombeiros e Protección Civil de Barreiros, e efectivos de Garda Civil. Os Bombeiros rescataron á persoa, que estaba nunha zona de difícil acceso, e os servizos sanitarios trasladárono en ambulancia ao Hospital Lucus Augusti.