O vindeiro luns, 10 de abril, terá lugar a Romaría de Santo Estevo do Ermo, que organiza a asociación cultural Camiñantes e Camiños de Barreiros coa colaboración de Barreiros Mar e Monte e o CF Celta.
As actividades programadas darán comezo ás 10:30 horas cunha ruta polo entorno de Santo Estevo. Á unha do mediodía haberá unha misa cantada e procesión. Para as dúas da tarde está previsto o xantar e a partir das 17:00 horas haberá xogos.
O presidente de Camiñantes e Camiños, José Manuel Gómez Puente, anima “a veciñanza a participar nesta xornada na honra de San Estevo do Ermo na que combinaremos a andaina, o xantar de confraternidade e os xogos co aspecto relixioso, xa que estamos a falar do Luns de Pascua”.