O BNG de Mondoñedo presentou un recurso de reposición contra as bases e convocatoria do proceso de selección para a cobertura, en rexime de funcionario interino, dunha praza de dinamizador cultural e de turismo para o municipio.
O grupo municipal nacionalista entende que, segundo a descrición detallada das tarefas de dinamizador cultural e de turismo vixente na RPT do Concello, estas funcións non son exclusivas para aspirantes coa titulación de Historia.
Os nacionalistas consideran que tamén poden desenvolver estas tarefas persoas con preparación específica no ámbito da cultura e do turismo, concretamente no grao en Turismo ou equivalente.
Para o voceiro do BNG no concello de Mondoñedo, Eloi Cabanas, “se queremos contar coas persoas mellor preparadas para desenvolver as funcións recoñecidas na RPT, o normal sería abrir o abano a máis titulacións acordes coa praza”.
MÁIS ASPIRANTES
Cabanas espera que se admita o recurso de reposición contra as bases da convocatoria para que máis aspirantes se podan presentar e se cumpran así os principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso á función pública.