-Esta é a primeira edición da Feira de Razas autóctonas de Arante? Por que escolleron esta parroquia de Ribadeo para realizala?
Si, é a primeira edición. A idea da Feira ocorriuseme a min e escoller Arante para facela basicamente porque eu son veciño de Arante.
-Cales foron os pasos que deron para a materialización desta mostra?
O primeiro foi falar coas distintas asociacións relacionadas coas razas autóctonas. Eles botáronnos unha man para localizar os distintos propietarios, basicamente, hai razas moi difíciles de conseguir porque están en perigo de extinción, como o porco celta e a vaca caldelá tamén.
-O feito de escoller Arante pode axudar na dinamización das parroquias do interior no Concello de Ribadeo?
Si, porque ao final buscas que non se acabe a gandeiría relacionada con estas razas que van desaparecendo. Ademais, tamén se busca a dinamización destas áreas para evitar o seu debalo.
-Arante perdeu moita poboación nos últimos anos ou puido seguir estable?
Hai uns anos estaba perdendo xente, mais desde hai un tempo o número de habitantes mantense estable, aínda así, como na maioría do rural, vai perdendo pouco a pouco.
-A Asociación de Veciños da parroquia de Arante xa existía previamente ou organizouse para crear esta feira?
A asociación xa existía e eu son membro dela. Grazas á Asociación puiden resolver temas burocráticos e de infraestruturas para montar toda a feira. Se ben a idea a puxen eu, o certo é que foron varios os veciños e veciñas que me axudaron, mais non necesariamente eran membros da asociación.
-En que lugar da parroquia se vai celebrar a feira e cales son as cualidades dese espazo?
Celebrase no medio do lugar, xunto á igrexa, porque era o espazo idóneo para que cumprir coas esixencias de benestar animal para estaren cubertos, ter auga e onde poder deitarse. Escollemos o lugar porque é onde temos máis a man os servizos que nos piden as autoridades gandeiras.
-Que tipo de gandeiría e agricultura se practica agora en Arante?
Quedan tres explotacións grandes, mais co tempo desapareceron moitas explotacións, pasando de máis de mil vacas a termos agora mesmo entre 300 e 400. Van desaparecendo as explotacións de 100 vacas ou de 80 vacas.
-Esas explotacións acabaron substituídas por plantacións de madeira ou por outras actividades?
Non, simplemente as persoas foron retirándose e as gandeirías quedaron pechadas.
-Hai quen queira arrendar esas terras paralizadas ou mesmo mercalas?
Si, hai posibilidades de facelo, aínda que non é un lugar para facer grandes explotacións extensivas. Con todo, si se pode producir nunha alta porcentaxe, non é como na alta montaña que só poden sacar unha colleita, aquí poden ser dúas ou tres por ano.
-Como están dando a coñecer esta I Feira de Razas Autóctonas en Arante?
A publicidade fíxose mediante cartaces, anuncios radiofónicos, redes sociais, tamén mediante aparecendo nos medios locais e comarcais.
-Como conseguiron contactar cos propietarios e asociacións de defensa das razas autóctonas?
Buscando pola Internet. Contactei con ASOPORCEL, e mesmo un dos veterinarios, Iván, botounos unha man coa documentación, pois non tiñamos experiencia dentro dese campo e foi el quen me puxo en contacto coas demais asociacións. O certo é que todas as asociacións colaboraron de maneira excepcional.
-De onde veñen a maioría das persoas que achegaron os seus animais á feira?
De aquí cerca unicamente viñeron produtores de Ternera Gallega, logo o porco celta son dúas explotacións de aquí ao pé, unha de Trabada e outra de Ribadeo. As outras vacas mesmo veñen de lugares de máis lonxe.
-Sendo unha feira, haberá compravenda de animais?
Ese era un dos puntos onde tiñamos máis dúbidas, pois non sabiamos se se podería facer compravenda de animais porque nos esixían probas sanitarias de todos os animais que viñan até aquí. Daquela non sabían se se podería facer venda, mais agora parece que si se pode. Supoño que algún gandeiro dos que vén, se lle piden, non terá problema en vender.
-Á parte da feira hai máis actividades programadas?
A feira témola pola mañá, ao medio día temos unha comida e todo con produtos autóctonos. Logo habería uns xogos populares e despois, pola noite, unha verbena con orquestra.