O Concello de Viveiro fai un balance moi positivo do Obradoiro “Educando nunha boa sexualidade” organizado pola Delegación de Muller e o Centro de Información ás Mulleres do Concello aplicando os fondos do Pacto de Estado 2022.
É o segundo ano consecutivo que esta actividade se realiza entre o alumnado, dirixida nesta ocasión aos cursos de 2º e 4º de ESO no IES Vilar Ponte e 1º e 4º ESO e 1º FP Básica de Administración e de Automoción no IES María Sarmiento.
En total foron 320 alumnos e alumnas os que se acolleron a esta iniciativa entre o 16 de xaneiro e o 17 de abril de 2023. Dende o Departamento de Muller do Concello cómprese así o obxectivo de realizar actividades non só de xeito puntual, senón ao longo do curso académico para implicar a toda a comunidade educativa, ademais de favorecer a participación e o aproveitamento nas actividades para o alumnado.
Os alumnos e alumnas que participaron neste obradoiro aprenderon, entre outras cuestións, a xestionar a autoestima e a propia imaxe, coñecer a influencia dos medios de comunicación sobre a imaxe corporal, valores e hábitos de relación (amizade, parella…), hábitos de hixiene e autocoidado e métodos de protección e métodos anticonceptivos.
En todas as aulas abordouse o contido, en primeiro lugar, de forma teórica, dando paso posteriormente a dinámicas grupais de traballo participativo (role play, debate, técnicas corporais, láminas, videoforum…). O obxectivo de combinar ambas metodoloxías é afondar nos contidos, tratando de que o alumnado se somerxa máis na materia e reflexionen sobre os aspectos abordados e analicen as súas propias conclusións.
Para a avaliación final do programa, fíxoselles chegar aos participantes unha enquisa de satisfacción co gallo de saber as súas impresións, na que se reflectiu que máis do 85% do alumnado quedou satisfeito co mesmo e tan so un 6% non.
Algunhas das observacións proporcionadas foron: “Encantoume, molou moitísimo, grazas a este taller sei cousas que non sabía”, “Un gran taller, deberían facelos máis a miúdo, moi contenta co resultado e con todo o aprendido” ou “Me gustaría repetir, aparte de que o pasas ben aprendes”.
“Dende o Concello de Viveiro quedemos amosar o noso agradecemento tanto a Carlos Fernández Crespo como a Raquel Graña Fernández, persoal que impartiu o Obradoiro, como ao alumnado que participou activamente nestes catro meses de actividade así como a todo o profesorado pola súa implicación”, subliña a concelleira Lara Fernández Fernández-Noriega.