Os traballadores do persoal de Urbaser en Burela, encargados da recollida de lixo, iniciarán este martes, 23 de maio, unha folga ante a falta de avances na negociación sobre o convenio colectivo. Segundo informa a CIG nun comunicado, “de non producirse movementos previos por parte da empresa” a esta convocatoria, comezarase unha folga que será de carácter indefinido.
Estes traballadores tamén se encargan dos servizos de limpeza viaria, xestión do punto limpo e hixiene de praias de Burela. Ademais, os empregados volverán concentrarse este luns, 22 de maio, entre as 11,00 e as 12,30 horas ante a Casa Consistorial.
O secretario da CIG-Servizos de Lugo-A Mariña, Xoán Díaz, lamenta que a empresa “di agora que ten ultimada unha proposta, que entende que podería valer, pero que non se puiden reunir ata o mércores 24 pola tarde”. Ante isto, a parte social solicitou a Urbaser que lle remitise a proposta por correo electrónico para analizar, pero “non a queren enviar”.
Por iso, consideran que non hai unha vontade real de negociación e decídese convocar esta folga tras meses sen avances e “propostas económicas de miseria”.
O sindicato apunta que o convenio que regulaba as condicións deste colectivo decaeu en 2011 e desde entón o persoal ten practicamente conxelados os seus salarios, pois as únicas subidas que tiveron foron as obrigadas polo incremento do SMI e “estas non cobren nin de lonxe os actuais custos de vida nun momento ademais de inflación disparada“.