A Organización de Produtores Pesqueiros (OPP) de Lugo e Armadores de Burela, S. A. (Absa), doarán 600 racións de pescada do pincho de Burela entre oito residencias da terceira idade do norte da provincia para celebrar o Aninovo.
Xeriátricos, apartamentos tutelados e vivendas comunitarias de Burela, Foz, Mondoñedo, O Valadouro, Viveiro, Xove, A Pontenova e Ribadeo beneficiaranse desta acción social.
OPP Lugo e Absa entregarán a pescada entre o sábado 29 e o luns 31 de decembro, para que a degustación do peixe sexa o máis fresca posible. Repartirán, segundo a demanda de cada centro, pezas enteiras ou cortadas en lombos ou filetes.
CAMPAÑA DE PROMOCIÓN
Esta iniciativa, na que colabora a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, englóbase na campaña de promoción ‘Pescada de Burela no Nadal‘, que OPP e Absa poñen en marcha para incentivar o consumo deste produto.
Un calendario-recetario con creacións de cociñeiros do Grupo Nove e a presenza activa en redes sociais iniciaron a campaña.
ESPECIE LÍDER NA LONXA
O xerente da OPP Lugo, Sergio López, explica que a pescada do pincho de Burela “é a principal especie comercializada en lonxa, tanto en descargas como en ventas, e decidimos donar unha partida desta principal pesquería para que os nosos maiores a podan saborear”.
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; o xefe territorial da Consellería do Mar, Pablo Fernández; o presidente e mailo xerente de Absa, Abelardo Basanta e Miguel Neira; e Juan José Otero, presidente da OPP, presentaron xunto con López a iniciativa.