-Cen anos do Viveiro CF, toda unha institución e que xa debeu deixar máis dunha marca dentro do fútbol polo menos lugués.
O Viveiro FC é o equipo máis antigo da provincia de Lugo, o equipo decano. A data de nacemento foi o 23 de novembro de 1923, daquela tiña o nome de Sporting Vivariense e durante estes cen anos conseguíronse moitos logros. Entre eles está a permanencia na 3ª División, vinte e oito tempadas máis outras tres que levamos agora. Dentro do que é A Mariña debe ser o equipo máis representativo pois, cen anos non se cumpren todos os días. Realmente é unha felicidade chegar aos 100 anos de historia e oxalá se chegue aos 200 e que todo siga polo bon camiño.
-Botando a vista atrás, cales son as grandes aportacións deste equipo ao fútbol de toda a provincia de Lugo?
Primeiramente todos os presidentes, os equipos directivos e desde logo, todos os xogadores que pasaron por aquí. Todo isto foi a base de moito traballo, moito sacrificio e tamén houbo momentos moi bos e malos, como todo na vida e o realmente importante é que chegamos até aquí. O fútbol nos últimos anos cambiou moito, hai anos en Viveiro había centos de xogadores, na Mariña miles de xogadores, mais agora é algo complicado. A xente que destaca en xuvenil pois vai estudar fóra, algo máis do 90%. Isto non pasa só en Viveiro senón en toda a comarca. Iso pasa factura pois cada vez hai menos xogadores. Houbo épocas que en 3ª División estaba o Viveiro, o Xove-Lago, o Burela, o Mindoniense ou A Pontenova, é dicir, entre catro e cinco equipos da comarca, en 60 quilómentros había varios equipos. Agora dáse a casualidade que estivo o Viveiro estas tempadas, mais oxalá estivesen todos os que nomeei e moitos máis. O grande cambio no fútbol actual é a falta de xogadores. Tamén a ubicación prexudica moito aos equipos da Mariña, pois non é o mesmo estar pegado a unha grande cidade, pois son equipos que xogan con moita vantaxe en relación aos que estamos afastados das grandes capitais.
-Entre as diferentes directivas dos equipos mariñaos non teñen discutido algunha estratexia para fomentar a entrada de xogadores que non marchen do lugar?
Si, iso témolo falado moitas veces, témolo falado en reunións moitas veces, mais cando se chega a unha idade a partir dos dezaseis ou dezasete anos o primeiro é buscar un camiño estudando fóra. Como xa dixen, isto sucede en toda a comarca, así pois non podemos idear nada porque ante iso, o primeiro é o primeiro. Ademais, esta xente pode ter a oportunidade de xogar na Coruña, Santiago ou Vigo. Por tanto, aínda que falemos deste tema todos os días, é moi complicado.
-Actualmente cales son os principais retos do equipo en canto infraestruturas e instalacións?
Sobre este punto non podemos queixarnos. Agora mesmo temos dous campos e se ao mellor vas por outros lugares é posible que as condicións non sexan as axeitadas, en canto infraestruturas e instalacións. Aquí, desde logo, de ter algo en conta é a cantidade de equipos das diferentes categorías e son moitas persoas a adestrar. Aínda así, o importante é formar á xente, formar unha boa base, creo que Viveiro ten unha moi boa base. Mais o problema está en que, chegados a determinadas categorías, vanse vivir a cidades máis grandes e aí é onde se separan os camiños.
-Cales foron os mellores momentos no fútbol na Mariña e para o Viveiro CF?
Houbo momentos en que tivemos 1.000 socios. A xente non acode aos campos coma antes, mais en todos os campos. Antes víase un partido Viveiro-Xove-Lago, ou Burela-Viveiro, o campo estaba cheo, había grandes entradas de caixa. Se falasemos de débeda, pois hai unha baixa de socios, baixan os ingresos e tamén os patrocinadores. Hoxe é difícil ter un grande patrocinador. O fútbol comarcal cambiou moito e iso vese nos campos porque ves unhas entradas moi frouxas.
-Podería cambiar esta situación?
É difícil porque agora hai partidos retransmitidos pola TV a todas horas e por iso é complicado. Nós xa falamos con outros equipos para buscar un horario que fose desde as doce da mañá para que ese horario non impida á xente comer rápido nin para deixar de ver o partido na TV ou para estar cos amigos, mais é complicado. Durante estes anos tamén viaxei a outros campos e é moi diferente, sobre todo pola parte do sur, pola área de Vigo, e aí o número de socios é máis alto, as afeccións son máis numerosas que as de aquí. Mais é o que dicía antes, as cousas cambian e debemos vivir con isto, agora a xente nova non vai tanto ao fútbol e isto tamén inflúe.