InicioOccidentalXoveLucía Sánchez: "Coa romaría de Santo Antonio queriamos recuperar o percorrido a...

Lucía Sánchez: “Coa romaría de Santo Antonio queriamos recuperar o percorrido a pé até a igrexa da Rigueira”

Lucía Sánchez Meitín, antropóloga e traballadora do Concello de Xove, non pode ocultar a súa alegría coma o resto de xovenses, sobre todo da parroquia da RIgueira, de veren declarada como Interese Turístico de Galicia a Romaría de Santo Antonio da Rigueira. A romaría, que se celebra o 13 de xuño, foi durante moito tempo o lugar de peregrinaxe para facer ofrendas por persoas e sobre todo, animais domésticos. Agora o obxectivo é a recuperación das antigas rutas de peregrinaxe que viñan desde os concellos veciños e doutros lugares máis lonxe.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal foi o percorrido realizado para que finalmente esta Romaría de Santo Antonio fose declarada de interese turístico?

Os pasos comezaron en 2009, ano en que comezamos o proxecto de recuperación da Romaría. Queriamos recuperar a romaxe a pé e o valor veciñal que tiña cando toda a xente se xuntaba e dicía “a festa empezaba polo camiño”, frase repetida en todas as entrevistas. Detrás disto está o feito de buscar a recuperación de facer o percorrido até a igrexa da Rigueira a pé. Houbo unha investigación previa para preparar a documentación e a realización de entrevistas por todo o Concello de Xove e doutros municipios para ir poñendo sobre o mapa as diferentes rutas e así recuperamos as oito rutas que seguían a romaxe. Logo recibimos unha subvención Leader e con ela puidemos realizar a sinalización e marcamos no inicio das rutas que nacían en Xove, xa che digo que outras viñan de fóra. A sinaléctica serve para darlle a entender á xente que está nunha ruta relixiosa e os recursos dese itinerario e coñecer outros espazos e puntos do concello. A continuación distribuímos unha serie de puntos de selado para utilizar o día da festa. Así, cando as persoas pasasen por eles puidesen selar os carnés identificativos. É como un “pequeno Camiño de Santiago” onde a xente se identifica cun carné onde figura o seu nome, cal das oito rutas segue, desde onde sae, se a fai a pé, en bicicleta ou a cabalo e no carné hai unha serie de espazos para ir selando a documentación. Finalmente, cando chegas á igrexa da Rigueira o día de Santo Antonio (13 de xuño) danche unha “ventura”, un certificado de romeira ou de romeiro, chámase así porque é o San Antonio Ventureiro. É un documento polo que se acredita que chegou a pé ao santuario. Entrégaselles tamén un lirio branco ou unha azucena co que se identifica a cada persoa no campo da festa. Isto forma parte do rito relixioso, quen leva o lirio branco ou a flor, fixeron o camiño a pé. É unha maneira de recuperar aquel espírito veciñal existente.

-Cales son as principais rutas que seguían os romeiros a pé?

A xente de Viveiro viña por San Roque e logo baixaba por Curro de Naia e Forca da Loba e chegaban aos Cortellos. A xente de Cervo viña por Labradela e Lamas desde a parroquia de Castelo. Eses son os concellos veciños, a xente que viña doutros lugares máis lonxe viñan xa por Viveiro, Celeiro e polo Cruceiro. Logo, desde lugares máis ao pé da costa de Xove, como a Vara ou Portocelo xa viñan por Sumoas e logo subían por Xove.

-Cal é a orixe da romaría, o milagre detrás da mesma?

É unha lenda que aínda conta a xente da Rigueira e mesmo está recollida en libros de etnografía e antropoloxía. A lenda contaba que un tratante perdera o seu gando e estivera buscando nel varios días pola Rigueira e unha noite quedou a durmir no lugar de Ventoselle na casa de dúas irmás. Estas mulleres tiñan a imaxe do santo, O Ventureiro, na súa casa. O home reza pola recuperación do seu gando perdido e para o outro día aparen todos os animais pacendo tranquilamente diante da casa das dúas irmás. Atribuíronlle o milagre ao santo que foi levado á igrexa e daquela puxéronlle o sobrenome de “Ventureiro”, por facer grandes milagres. A partir de aí é cando se lle ofrecen os animais domésticos ao Santo Antonio. A lenda está recollida polo historiador José Manuel Blanco Prado.

-Pode existir algunha referencia material, histórica, sobre este milagre ou que as propias irmás tivesen nome?

Case todas as ledas teñen algo de realidade. Todo canto se atribúe a un lugar ten a base física nese lugar. Os santuarios adoitan ser lugares de culto mesmo antes do Cristianismo, podía existir algún tipo de expiritualidade, mesmo desde comunidades anteriores á cristianización. Eran lugares moi relacionados coas árbores, coa auga ou coas pedras. As lendas tamén teñen como epicentro este tipo de lugares ligados a determinados elementos, logo está a imaxinación de cada sociedade e tamén as atribucións para estes espazos. Hai sitios que xa tiñan ese valor relixioso e o Cristianismo adaptou esa espiritualidade á súa propia.

-A concesión Interese Turístico de Galicia para esta romaría do Santo Antonio pode abrir a posibilidade de axudar á conservación do patrimonio material artístico dos templos?

O patrimonio relixioso pertence á diócese. Entón, oxalá que si, pois todo aquilo dirixido a fomentar as visitas e dar a coñecer un lugar favorece poñer a atención nese espazo e isto permite destinar recursos cara aí. Todo isto en conxunto permitirá atender de maneira máis especial todo ese patrimonio. Tamén se pode chegar a acordos, algo semellante ao acontecido en San Tirso de Portocelo, onde tiñamos unha propiedade privada da Igrexa e ao final, grazas aos traballos da primeira campaña de prospección, puidemos ofrecer unha xustificación que permitiu o acceso a unha atención por parte da Diócese para, finalmente, visen o interese deste lugar e que o Concello de Xove, unha institución representativa de toda a cidadanía do municipio, permitiu o acceso a uns recursos tanto monetarios como materais e de tempo. Poñer a atención e darlle valor a eses lugares é moi importante, como o feito mesmo de declarar Interese Turístico de Galicia a Romaría de Santo Antonio dá un grande valor de cara á atención do público. Isto, o día de mañá, pode darlle certo interese e que se destinen recursos.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...