InicioCulturaRosa Espiñeira: "Eu sempre digo que en lugares pequenos se poden facer...

Rosa Espiñeira: “Eu sempre digo que en lugares pequenos se poden facer cousas grandes”

A Escola de Arroxo, en Lourenzá, celebrou o pasado 1 de xuño o "Agasalho a Luis Seoane" polo aniversario do seu nacemento. Neste encontro participaron varios artistas e xente da cultura onde se realizaron unha serie de lecturas co nexo común sobre a figura de Seoane. Rosa Espiñeira, responsable da Escola de Arroxo, ideou este agasallo hai 17 anos e en Lourenzá xa leva tres edicións.

Publicada o

- Advertisement -

-O día 1 de xuño celebrouse o Agasalho a Luís Seoane polo aniversario do seu nacemento na Escola de Arroxo. Como transcorreu este acto?

Este é o 17º ano que celebramos o Agasalho e o 3º que celebramos na Escola de Arroxo. O acto consistiu en aproveitar que a exposición “Palabra e Memoria” aínda estaba aberta para a xente que non puidera vela antes, mentres que no andar de abaixo colocamos unha selección de libros da biblioteca tanto de Luis Seoane, Fernández del Riego ou Cunqueiro, tanto de xente que teña algunha relación con Seoane como persoas máis contemporáneas como Dionisio Pereira ou Teresa Moure entre outros. Un grupo de xente variada para escoller o texto que gustaran máis para agasallar a Seoane. Logo das lecturas fomos ao que vai ser o arboretum de Arroxo, un lugar fronte a escola e que desbrozaron o ano pasado. É un terreo do Concello onde queremos ver crecer as plantas de maneira libre. Nós plantamos elementos mais hai áreas onde temos flores, arbustos e árbores que queremos conservar. Ademais, no arboretum temos unha planta que se chama “seoane” e está xusto diante do paseo.

-Como describirías o público que se achegou ao Agasalho?

Xente con interese en ver como se fan cousas grandes en lugares pequenos, o mesmo que tentamos facer neste espazo, xente encantada con estas iniciativas. Estivo a alcaldesa de Lourenzá, Rocío López, unha persoa que confiou en nós cando lle propuxemos facer aquí unha biblioteca e un espazo para todo o mundo. Así, pouco a pouco, vas facendo camiño, veñen quen comezou a vir hai tres anos e ademais tamén se suma máis xente.

-Achégase xente nova, en idade, aos actos do Agasalho?

Gustariamos de recibir máis aínda que agora estamos nunha época de exames para os nenos e nenas. O ano pasado cando Ugía veu presentar o seu disco había máis xente nova e nenos porque estaban de vacacións.

-Que está aportando a vosa acción na Escola de Arroxo a Lourenzá e á Mariña, ademais de dar a coñecer a figura de Luis Seoane?

Considero que se aporta moito. Arredor da figura deste autor poden facerse exposicións, congresos, estudos sobre el mesmo, sobre a xente que o coñeceu é dicir, estamos diante de posibilidades infinitas. Tamén é unha figura importante e ademais é como se fose unha figura que non interesa dar a coñecer. Era un artista multidisciplinar e non se arrimaba a ninguén pola súa maneira de pensar, era boa xente, escoitaba a todo o mundo, mais tiña uns principios que agora mesmo non gustarían moito. É unha visión persoal mais coincidente coa doutras persoas: como pode ser que haxa un artista coma el e non afondar máis na súa figura? Temos tanta información que mesmo poderiamos ser un centro de estudos sobre a súa persoa e obra, o seu significado para a cultura galega e o que podería ter aportado se non morrese tan novo, con 68 anos, cando quería volver para Galicia.

-Como se escolleron as lecturas que se ofreceron durante o acto?

Cada quen podía escoller as lecturas que quixese. Eu tiña aí os libros e houbo quen trouxo textos como un de Neira Vilas sobre Seoane e de quen se leron textos e poemas propios ou tamén se leu un parágrafo de ‘Merlín e Familia’. Gustaríame que fose un día enteiro onde se len textos por parte de numerosas persoas.

-Hai un texto, de entre todos os escollidos para o Agasalho que é de Carlos Taibo. Que aporta Taibo a esta homenaxe?

Eu buscaba que toda a xente que veu aportase algo sobre Seoane e Taibo seguramente aportaría algún texto, algunha peza. Máis que nada é para relacionar, pois a min gústame moito relacionar cousas. Parecen non ter nada en común, mais se buscas si pode haber, como o idioma por exemplo. Carlos Taibo é unha persoa que queremos traer e a ver se o conseguimos.

-Houbo unha liña común entre todos os textos que se leron durante o acto do 1 de xuño?

Máis que nada sobre un libro en concreto da nosa editorial “Figurando Recuerdos” e o libro é ‘Poemas alumeados’, un libro de 2010 e son poemas de Seoane e ilustrados por diferentes artistas. Logo tamén se escolleron do libro ‘Certezas alumeadas’ que en realidade son textos en vez de poemas e tamén ilustrados por xente diferente. Esa foi a liña a seguir. Con todo, tamén se poderían ter elixido outros textos se se observaba o número de libros colocados sobre as mesas ese día. Eu sempre digo que en lugares pequenos podemos facer cousas grandes e se despois van para lugares como cidades, é marabilloso.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...