Desde hoxe e ata o 14 de xuño pódense retirar no Ceip Plurilingüe Gregorio Sanz, de Ribadeo, os tíckets para asistir á merenda-cea do 50 aniversario, que terá lugar o 21 de xuño ás sete da tarde no recinto escolar.
Para proceder á recollida dos tíckets o horario establecido é de 10 a 14 horas polas mañás e de 16 a 17 horas polas tardes na secretaría do centro. O prezo para os adultos é de 9 euros e para as nenas e nenos ata 12 anos de 3 euros.
Durante a xornada do 21 pola mañá, e organizadas pola Anpa A Faxarda, haberá unha xincana por diferentes espazos da vila que Gregorio Sanz adoitaba a frecuentar, na que participará alumnado de 3º a 6º de Primaria. As nenas e os nenos de infantil e de 1º e 2º de Primaria participarán noutra xincana dentro das instalacións do colexio e gozarán tamén dun espazo de xogo libre con brinquedo tradicional e con material natural non estruturado, Xogando Miudiño e Terra.
Coa merenda-cea concluirán os actos do 50 aniversario do Ceip Gregorio Sanz, que se desenvolverán xa desde o vindeiro 15 de xuño. A nota musical da velada correrá a cargo de Tumba e Dalle e Corazones Jóvenes. Para o 19 de xuño está previsto un acto conmemorativo no auditorio municipal Hernán Naval a partir das cinco da tarde.