InicioCulturaComisión festas Santa Filomena: "queremos recuperar unha xornada de convivencia entre veciños"

Comisión festas Santa Filomena: “queremos recuperar unha xornada de convivencia entre veciños”

Cristina Fernández forma parte da comisión de festas da Santa Filomena que se celebra na parroquia do Cadramón, no Valadouro. Logo de anos e parénteses temporais longas sen celebrarse, un grupo de xente nova con raíces neste lugar quere levar adiante unha romaría ao pé dunha das capelas máis antigas da comarca, todo para reunir a veciños e veciñas, polo menos unha vez no ano.

Publicada o

- Advertisement -

-Por que estivo sen celebrarse oito anos a Santa Filomena do Cadramón?

Houbo varios motivos, aínda que durante os últimos anos celebráronse todas as festividades xuntas na outra igrexa de San Xurxo do Cadramón e non na capela de Santa Filomena. Normalmente as festas organízaas a Comunidade de Montes co seu diñeiro e aglutinábanse todas na mesma data en setembro. Mais por outra parte, a veciñanza que vive arredor da capela tiñamos o desexo de facer a festa xunto á capela, das poucas que quedan en pé e fixemos por crear esta festa veciñal, porque iso é o que queremos, pasar un día todos xuntos.

-A capela de Santa Filomena é moi antiga.

Si, a información dispoñible fala da súa construción entre os séculos IX e X, é posible que sexa das máis antigas da Mariña. No seu día foi a igrexa parroquial de Cadramón (O Valadouro), Labrada (Abadín) e Silán (Ourol), é dicir, levaba tres concellos, todo antes da actual igrexa parroquial. Aínda así, sempre se mantivo a misa na capela de Santa Filomena unha vez por ano no primeiro de xuño, data cando se celebraba a festa de Santa Filomena. Había misa todos os anos.

-Cal foi o detonante para levar adiante a celebración este ano?

Pois porque non queremos perder as tradicións ademais de haber menos xente nas aldeas co paso do tempo. Tamén cremos en que un día coma este é un día de unión, podes ver persoas que ao mellor non ves co paso dun ano e tamén para poñer en valor o noso patrimonio, que está pouco atendido por parte das autoridades competentes para conservalo.

-Cales son as atraccións desta festa e cal será a súa duración?

Só será o sábado 10 de xuño, coa misa, a procesión que será acompañada pola Asociación de Gaiteiros Amado Lar e ademais, creamos unha asociación para recuperar o tradicional nas nosas festas. Por exemplo, traer un grupo tradicional ademais dos grupos que van acompañarnos despois para o festexo. Amado Lar tocarán na procesión e logo amenizarán a sesión vermú e logo tocará o trío Zafiro para dar paso á verbena, como se fai en todas partes.

-Cal é o motivo de organizar unha comida para o público?

Por ser un día de xuntanza entre os veciños. Daquela puxémonos de acordo entre toda a veciñanza, comermos todos xuntos en vez de facelo cada un na súa casa. Tamén decidimos abrila a xente de fóra da parroquia que quixera achegarse. Isto porque antigamente esta era unha festa á que a xente ía de merenda, por iso buscamos recuperar para estes tempos a esencia do que era a festa, pasar unha xornada entre os veciños e compartir o día todos xuntos.

-Aí está ese feito de quererdes recuperar a volta de xente que non vive na parroquia?

Si, pois antigamente a parroquia do Cadramón era a máis poboada do Concello. Eu fáloche desde Guitiriz mais gusto de conservar as miñas orixes e iso é parte da inquedanza para recuperarmos esta festa parroquial.

-Houbo implicación por parte do Concello?

Colabora en ir buscarnos as mesas, logo hai unha axuda económica para a celebración das festas parroquiais e limpou o adrio e os arredores.

-A quen esperades encontrar nestas festas?

A veciñanza máis cercana e doutras parroquias. A nosa idea é facer unha festa para todos os veciños e veciñas e gozar do día xuntos. Queremos recuperar unha festa das de antes, onde a xente poida botar un baile ou contar un conto.

-Houbo interese por parte doutras asociacións e organizacións en axudarvos?

Si, nós esta festa organizámola economicamente coa Comunidade de Montes que acordou facer unha aportación económica para poder facer esta festa, ese diñeiro é exclusivamente para facela e non pedimos diñeiro por fóra.

-Á parte de ti, hai alguén máis da comisión ou organización que viva fóra?

A única que vive fóra son eu, quen vive no Cadramón hoxe en día é un dos rapaces, as outras dúas rapazas viven en Ferreira mais o que nos une é sermos descendentes de persoas do Cadramón. Eu estou fóra por cuestións laborais mais todos temos arraigo nesa parroquia.

-Lembras de nena ter vivido a Santa Filomena?

A única celebración que recordo de nena é a de 1997. Esta festa estivo sen facerse desde 1980 ou por aí. En 1997 recuperouse por tres rapaces que naquel momento tiveron a iniciativa para recuperala. Logo viñeron outros anos sen celebración mais en 2014, un dos rapaces que está agora na comisión deste ano e outro mozo foran a un concurso da TVG onde gañaron un diñeiro e así fixeron a festa do 2014. En 2015 fíxose de segundas pedindo á veciñanza. Logo parouse até este ano. A ver, custa economicamente, aínda así considerámolo importante para confraternizar ou os máis pequenos poidan estar cos avós.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...