No salón de plenos do Pazo de Ibáñez comezou o pasado 9 de xuño o III Ribadeo Ilustrado, que está dedicado este ano ao porto comercial e corsario. Ata o domingo desenvolveranse charlas, representacións, concertos e un paseo teatral e musical. A programación inclúe actividades para as nenas e os nenos.
O alcalde, Fernando Suárez, foi o encargado de presentar o III Ribadeo Ilustrado. O rexedor dixo que “van ser tres días intensos de lecer cultural arredor do coñecemento, con moitas novidades. A primeira, con respecto das presentacións das anteriores edicións, é que hoxe contamos coa reprodución do retrato que Francisco de Goya fixo de Raimundo Ibáñez, grazas á xestión que se fixo para conseguir o permiso de reprodución do orixinal que se atopa no museo de Baltimore”.
Suárez Barcia contou que “o Ribadeo Ilustrado foi concibido para dar a coñecer ao conxunto da cidadanía ribadense, e tamén aos nosos visitantes, a importancia da época histórica da Ilustración no noso concello. Daquela tiveron lugar unha serie de acontecementos que mudaron o ritmo económico da nosa vila, cambiaron a súa fisonomía e deixaron unha profunda pegada na sociedade”.
O alcalde subliñou que “é ben sabido que o porto comercial de Ribadeo coñece un dos seus períodos máis relevantes arredor do século XVIII. Nesta edición do Ribadeo Ilustrado seguiremos a falar da importancia desta vila como porto comercial, mais tamén da súa actividade corsaria e falaremos dun Ribadeo esplendoroso, á altura de Riga e Compostela no tocante á produción téxtil.
Fernando Suárez destacou o traballo realizado para levar a cabo esta terceira edición do Ribadeo Ilustrado: “para rematar queremos transmitir que este programa se deseñou con mimo e delicadeza. Énchenos de orgullo que a cidadanía ribadense se involucre a través de diferentes entidades: Grupo de Teatro de Ribadeo, Cuarteto Tradicional Illa Pancha, Amigos da Gaita, Agrupación Cultural Francisco Lanza, Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo. A participación da veciñanza a nivel individual ou en asociacións é mostra e garantía de éxito do proxecto. Agardamos que así sexa. Esa foi desde logo a idea coa que este Concello deseñou durante estes anos o Ribadeo Ilustrado e outros moitos proxectos”.
Por motivos alleos á organización, foi suspendida a conferencia de Alberto Paraje prevista para esta tarde: “esperamos que Alberto Paraje se recupere pronto e poidamos contar con el en vindeiras edicións”. A primeira xornada do III Ribadeo Ilustrado rematou con concerto de cámara a cargo do grupo Fua. Xunto a Fernando Suárez estiveron a concelleira de Cultura, Pilar Otero, e a técnica de Turismo, Begoña García.
SANTIAGO JAUREGUIZAR, PREGOEIRO
O xornalista e escritor Santiago Jaureguizar será o pregoeiro do Ribadeo Indiano 2023. Así o deu a coñecer a organización no día de hoxe.
A concelleira de Cultura, Pilar Otero, subliñou que “Santiago Jaureguizar pasou a súa infancia e a súa mocidade en Ribadeo, de aí que pensaramos nel para o pregón da oitava edición do Ribadeo Indiano. Como xornalista desenvolve o seu labor no xornal El Progreso de Lugo, na sección de Cultura. No ano 2005 obtivo o Premio de Xornalismo Reimóndez Portelano, no 2009 o Premio Museo Provincial e o Premio de Xornalismo Francisco Fernández del Riego en 2018, entre outros moitos recoñecementos”.