O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, viuse obrigado a acometer unha remodelación de goberno por mor de que Alberto Núñez Feijóo decidise reforzar o seu propio equipo na súa terra. Así, sairán do Executivo autonómico o ata o de agora vicepresidente primeiro e responsable económico, Francisco Conde, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, ambos en postos de saída ao Congreso por Lugo e Ourense.
Pero, ademais doutros axustes internos entre membros que xa estaban no Goberno, entran dúas novas caras no Consello da Xunta: a actual vicerreitora do Campus de Ourense, Elena Rivo, quen tamén foi concelleira entre 2003 e 2007, con Manuel Cabezas como alcalde, e o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, quen revalidou por cuarta vez a súa maioría absoluta local o pasado 28 de maio.
Estes son os seus currículos: Elena Rivo, conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade: É licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais, doutora en Administración e Dirección de Empresas. Actualmente é vicerreitora do Campus de Ourense. No ámbito político foi tenente de alcalde, e xefa da área de Economía e Facenda no Concello de Ourense no mandato 2003-2007. Vinculada tamén ao mundo da empresa, é viúva de José Manuel Pérez Canle, de Aceites Abril, paticipa no campo da investigación en diversos traballos e proxectos en asuntos relacionados coa empresa familiar, o emprendemento, a sustentabilidade e a innovación docente.
VETERINARIO E REXEDOR
Alfonso Villares (Cervo, 1970), pola súa banda, é licenciado en Veterinaria, e entre 1996 e 2007 exerceu profesionalmente como veterinario. Concelleiro do PPdeG en Cervo desde 1995, con responsabilidades de goberno desde 1999 e como alcalde desde as eleccións municipais de 2007, revalidou catro maiorías absolutas consecutivas. Tamén exercía como vicepresidente primeiro da Federación Galega de Municipios e Provincias.