-Hay xente que pode confundir a Festa Castrexa co San Xoán Castrexo. Cales son as características de cada un?
A Festa Castrexa sempre foi unha celebración temática e única mais este ano e o pasado escollemos as mesmas datas para ambos eventos por coincidiren en fin de semana. Isto último dálle algo máis de valor. A noite do 23 de xuño celebramos o San Xoán Castrexo con fogueiras, sardiñada e foliada a cargo dos grupos locais Ledicia, Dambara e Arume. O sábado será a Festa Castrexa onde iremos todos os veciños engalanados. Haberá tamén un desfile de clans con sorteos e premios para os mellores caracterizados e despois virán as principais actividades que son as vodas, os xogos castrexos e a busca do Torques, este último é como un xogo de obstáculos.
-Todas estas actividades como se programan?
O día de San Xoán haberá fogueira, sardiñada, foliada e o concerto da Banda da Loba. O sábado día 24 teremos o Mercado Castrexo con mostras de coiro, cerámica ou panadaría durante todo o día nas rúas da vila. A partir das once na praia urbana celebraranse os xogos castrexos. Son xogos de habilidades onde se enfrontan os clans entre eles con premios para os gañadores. Sobre as dúas da tarde subiremos desde a praia urbana até a praza do Concello desfilando polas rúas da vila. Todo isto será amenizado por música de Dambara e Fanfarria Taquikardia. Logo virá a sesión vermú, para comer hai unha carpa instalada onde a xente poida usar esa carpa para comer despois de recoller a comida nos locais de hostalaría. Estes locais, que son os nosos principais colaboradores, fan uns menús castrexos para comer no seu establecemento ou comer na rúa. Como o tempo acompaña, buscamos que a xente estea todo o día na rúa e consuma na vila. Ás seis da tarde realizaremos a xuntanza dos clans e faremos a presentación da Busca do Torques. Esta é unha actividade que se celebrou en todas as edicións, esta é a décima, onde se fan unha serie de actividades de intelixencia e habilidade para localizar o torques. Paralelamente, para os máis cativos haberá unha Busca do Torques infantil e que está organizada por dúas compañías de aquí da vila dedicadas a temas infantís e artesanía. Organizarán tamén unha ludoteca para os máis pequenos para ter ocupados tanto a nenos como como adultos. Pola noite para a cea dispoñemos da hostalaría da contorna e ás once da noite celébranse as vodas castrexas. Todas estas actividades son previa inscripción, mais chegado o día hai actividades como as vodas, non habería problema para inscribirse no último momento. A voda castrexa é facer o casamento polo ritual castrexo ao mesmo tempo que estará amenizado por un espectáculo de lume. Despois, cando todo isto acaba hai unha verbena con orquestra até o final da festa.
-Como se realizan as vodas castrexas?
Todos e todas deben ir vestidos como xente castrexa, tanto se pertences a un clan ou a título persoal, pois temos visitantes da contorna que non pertence a ningún clan mais deben ir engalanados e as persoas participantes nas vodas deben ir vestidos co típico traxe castrexo. Unha persoa vestida como druída que lerá os votos das vodas castrexas.
-Falabas de grupos tanto de Burela como de fóra.
Si, de Burela son Dambara, Ledicia e Arume, son grupos de música tradicional. Despois temos A Banda da Loba, un grupo que vén facer un concerto exclusivo o sábado ás 20:30 e despois Dambara fará un pasarrúas o domingo xunto con Fanfarria Taquikardia, que é unha charanga galega. Despois o resto serán orquestras e DJ.
-É obrigatorio que todas as persoas vaian vestidas como personaxes castrexos?
A nós gustarianos que toda a xente viñese engalanada para crear ambiente. Por unha banda temos os clans, grupos de persoas que teñen os seus traxes propios desde hai anos e despois están as persoas que veñen de maneira individual e queren vestirse para a Festa Castrexa, as tendas da vila teñen traxes dispoñibles. Hai postos onde se poden mercar adornos, xoias e algunha capa para disfrazarse nalgún momento.
-As persoas que montan as tendas e postos son todas de Burela?
Non, non todas. Temos persoas do resto de Galicia e mesmo de fóra, son mercados artesanais. Despois as tendas de teas son de Burela e Foz e estivemos dándolles proxección polas Redes Sociais por se alguén quería mercar un traxe ou confeccionalo.
-Cantas persoas formades parte da organización?
Actualmente somos sete persoas, delas dúas son da anterior directiva e as outras cinco somos da nova directiva que entramos o 29 de abril.
-Cada quen terá a súa propia tarefa.
Si, eu por exemplo son o presidente mais logo hai unha persoa ocupándose do tema mercado, unha persoa encargada de todo o tema loxístico, hai outra persoa que leva o tema burocrático para permisos e documentación da Xunta e Concello, que son tamén colaboradores. Despois hai un tesoureiro que leva o tema económico da asociación, mais realmente, esta última semana foron días de traballo moi intenso para poder termos a mellor festa para Burela.
-Cantas persoas esperades que se acheguen a Burela para estas celebracións?
Non sabería darche unha previsión, pois ademais xusto esta fin de semana hai un partido de fútbol sala que pode traer o título de liga para as rapazas do Pescados Rubén, a este encontro van vir moitas persoas de Madrid, de onde é o equipo rival. Logo hai outro torneo de fútbol, que é o Marosa Cup e logo está o Memorial aos Heroes do Orzán. Imaxino que grazas a isto pode haber moitas persoas con intención de unirse. Ademais, o tempo acompaña. Queremos reivindicar as nosas figuras, sobre todo o Torques, a peza central da Festa. Tamén están os turistas que veñen todos os anos.