InicioCentralBurelaO xerente de OPP-7 Burela, Sergio López, nomeado novo presidente do CCSUR

O xerente de OPP-7 Burela, Sergio López, nomeado novo presidente do CCSUR

Publicada o

- Advertisement -

O xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, Sergio López, acaba de ser elixido en Nantes como novo presidente do Consello Consultivo das Augas Sur Occidentais (CC SUR).

Este martes 27 de xuño celebráronse en Nantes (Francia) as Asembleas Xerais do Consello Consultivo de Aúgalas Sur Occidentais, que é un dos sete Consellos Consultivos Rexionais incluídos na reforma da Política Pesqueira Común de 2002, que ten como meta fomentar unha maior participación de todos os actores do sector para alcanzar os obxectivos de pesca sostible fixados na PPC.

Na súa Asemblea Ordinaria validáronse as contas e actividade do exercicio 2022-23 e presentouse o novo programa de traballo e orzamento para 2023-24. As Asembleas Extraordinarias convocáronse para a renovación dos 25 representantes do Comité Executivo e os cargos de vicepresidentes e presidente, que agora ostentará o actual xerente da OPP-7 Burela.

Sergio López García convértese así no terceiro presidente do CC SUR, substituíndo no cargo a Aurelio Bilbao Barandica, xerente de Opescaya e das Confrarías de Pescadores de Biscaia, que o presidía nos últimos 12 anos, tras Victor Badiola, que foi o primeiro presidente entre 2007 e 2011.

As súas primeiras palabras foron de agradecemento e que asume “o cargo con ilusión e o reto de conseguir a maior participación e consenso posible nun momento clave para o futuro do sector pesqueiro ante as actuais tendencias políticas que ameazan a actividade”.

O novo presidente do CC SUR referiuse ás potencialidades dun sector que achega a proteína animal máis sa, con menor pegada de carbono e nula pegada hídrica; que xera riqueza e emprego en zonas afastadas dos centros industriais; e que é un claro exemplo de conservación do medio mariño, o seu medio de vida.

Finalizou a súa intervención cunha alegación en favor da pesca, do “Amor ao Mar” e facendo un chamamento a todos os axentes, pedindo que todos asuman a bandeira do coñecemento (tanto científico como do know-how das xeracións), o debate e o consenso: “A unión de todos é necesaria nun momento como o actual”.

Sergio López García é licenciado en ciencias económicas, con máis de dez anos de experiencia representando ás confrarías de pescadores en Galicia, e desde xaneiro de 2017 é o xerente da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela, entidade que representa buques pesqueiros de diversos tipos, pero onde destacan as frotas palangreiras de fondo, que capturan con anzol a pescada en augas europeas, e de superficie, que capturan peixe espada no Atlántico.

O Consello Consultivo das Augas Sur Occidentais, cuxa sede está en Lorient (Francia), cobre a vertente atlántica desde Bretaña ata o Estreito de Gibraltar, as zonas CIEM VIII, IX e X; e realiza un papel de interlocutor para contribuír a alcanzar os obxectivos de pesca sostible fixados na Política Pesqueira Común, facendo recomendacións á Comisión Europea e aos Estados Membros mediante ditames que deben ser o resultado dun consenso entre o sector pesqueiro e a sociedade civil.

Dos dez Consellos Consultivos existentes, o CC SUR é o que posúe máis membros da Comisión Europea, estando formado na actualidade por 84 entidades dos cinco Estados Membros: Portugal, España, Francia, Bélxica e Países Baixos; sendo o 60% do sector pesqueiro (organizacións de produtores, confrarías, transformadores, comercializadores) e o 40% da sociedade civil (consumidores, Ong medioambientalistas, asociacións de mulleres ou pesca recreativa) cunha representación proporcional entre os diferentes países.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...