IniciosociedadeFrancisco Fra: "Volverei comezar no mesmo lugar porque ese é o meu...

Francisco Fra: “Volverei comezar no mesmo lugar porque ese é o meu sitio”

Francisco Fra, o último carpinteiro de ribeira na Mariña, perdía o pasado martes o seu estaleiro e con el un patrimonio histórico de valor incalculable. Non dubida da intencionalidade do lume mais agora quere centrarse en recuperar o seu lugar de traballo. As mostras de solidariedade con Francisco Fra deixáronse sentir tanto entre os carpinteiros de ribeira de toda Galicia, entre a veciñanza e autoridades. Conversamos con el logo do forte golpe que é ver desaparecer un estaleiro con 200 anos de historia na ría de San Cibrao.

Publicada o

- Advertisement -

-Cal é a túa visión sobre o incendio que levou por diante o teu estaleiro?

O sucedido é que lle plantaron lume, é algo indudable. Non hai outra orixe, era só madeira, non había corrente eléctrica porque o cadro eléctrico estaba desconectado e intacto. Onde se ía orixinar? Porque non hai gasolina, non hai nada e iso non encende só.

-Que che tansmitiron tanto bombeiros, Garda Civil ou Policía Local?

A Garda Civil estivo alí toda a noite xunto cos bombeiros e ben viron que non foi o cadro eléctrico. Logo, a maiores, veu un equipo especializado en incendios da Garda Civil e descubriron onde se orixinou o lume. Foi nunha área do almacén onde non teño nin sequera corrente eléctrica, non hai nin un só cabo eléctrico. Non fai falla ser un detective para darse de conta, hai cousas que xa se ben e punto.

-Que motivacións pode ter alguén para facerlle isto ao teu estaleiro?

Aí si que non quero entrar porque realmente non sei. Poden ser chavales que andaban de parranda, non sei. Non vou dicir “foi este ou foi aquel”, non quero acusar a ninguén porque esa non é a miña intención. A miña intención é recuperar o estaleiro e nada máis. O labor de investigación corresponde ás autoridades.

-Hai anos houbera un intento de retirar o teu estaleiro do lugar onde está, xunto á ría e deixar libre toda a ribeira.

Si, mais diso hai moitos anos e fora outro tema. Non tiña nada que ver con isto que pasou agora, creo eu, non relaciono as dúas cousas. Isto son desafíos da vida, os pequenos xa temos abondo con traballar como para andar preocupándonos de defenderse dunha cousa ou doutra. Con traballar xa abonda, por tanto non fago especulacións pois creo que non é bo para min e non o vou facer.

-Contactáronte ou contactaches coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira e outras asociacións semellantes.

Si, claro. Recibín apoios de todo o mundo e certamente, un séntese sorprendido coas mostras de cariño e apoio da xente, de amigos, de persoas que non te coñecen, realmente para min foi impresionante. E os carpinteiros de ribeira desde logo, este venres estivo Gerardo Triñanes que foi o noso primeiro presidente, o primeiro día estivo xa o noso presidente, Ramón Collazo e tamén me chamaron o resto de compañeiros que están aí, non quero esquecer a ningún, mais sei que están todos aí para apoiarme.

-Dentro do teu taller había un patrimonio cun valor incalculable como serían planos, perfís de pezas que xa non se usaban desde hai moito tempo.

O certo é que se perderon modelos de medio casco, perdéronse planos para facer modelos dos que se poden sacar novos planos, perdéronse varios e son irrecuperables. Unha embarcación que se pode facer aquí non a fai un compañeiro meu que estea en Rianxo. Nós temos as nosas tipoloxías propias do Cantábrico, alí son diferentes e por tanto é un patrimonio perdido que non se recupera. É un patrimonio que é meu, é de San Cibrao, da Mariña e de Galicia e España. É un patrimonio que debera estar preservado dalgunha maneira.

-Tamén habería ferramenta que debía ser especial para facer o teu traballo e que ao mellor non se usa noutros oficios.

Non, non foi así exactamente. A ferramenta que perdín é reemprazable, aínda así, unha limadora coa que me criei escoitando o seu sonido, iso forma parte da túa vida. Logo o resto de ferramentas, garlopas, garlopíns, molduras e todo ese equipamento salvouse. O máis importante que perdín foron os planos e os modelos de medio casco. O resto, si, perdino mais nunha ferrallería podes mercalos, un plano ou un medio casco de Estaleiros Fra non se merca en ningún lado.

-Desde o Concello teñen transmitido algunha mensaxe?

O Concello está colaborando en todo canto me faga falta, así mo dixo a alcaldesa, e de feito é así, están retirando os cascallos e o restos de madeira nese sentido si me sinto apoiado e non teño nada que dicir. Teremos xuntanzas para ver o que se vai facer de cara o futuro.

-Como reaccionou a veciñanza cando viu o sucedido?

A veciñanza de San Cibrao, amigos e veciños achegáronse para dar ánimos, apoio, axudar, houbo xente que mesmo me ofreceu diñeiro e só podo dicir que estou case sen palabras.

-En que andabas traballando ultimamente?

Nunha embarcación pequena e reparacións que estaba facendo. Iso salvouse mais agora está inactivo até poder reanudar pouco a pouco a actividade. A zona que ardeu era onde estaba a madeira almacenada, aí tampouco había corrente de luz porque o lume salto aos poste que había xunto ao estaleiro e derreteu os cabos eléctricos. Sen o funcionamento das serras e outros elementos non podo traballar e para iso terei que montar o estaleiro de novo.

-De volveres á actividade o estaleiro levantarase no lugar onde xa estaba?

Claro que vou comezar e no mesmo lugar. Volveremos comezar no mesmo lugar, logo haberá que falar doutras cousas, mais volverei aí porque ese é o meu sitio.

-E como che gustaría comezar de novo?

Estaba comezando unha embarcación nova e iso é o que vou facer. Ese vai ser o primeiro obxectivo nada máis teña o lugar preparado.

-Facías cursos para xente nova e que buscaba especializarse, mesmo crear un buque de vela para aprenderlle a quen quixese a navegación a vela.

Houbo un momento en que entre todas as carpitarías de ribeira de Galicia construiriamos dúas goletas. A primeira ía construírse aquí na Mariña, mais por cuestións políticas o proxecto no puido seguir adiante, aínda que o teño na mente. Á parte de traballar e construír, pois a carpintaría de ribeira é un abano de cousas do que se pode extraer un aspecto cultural e turítico aínda que tamén é traballo. Ese traballo débese visualizar e tamén se debe aprender e ensinar. A min gústame facer os cursos pois este é un oficio que se debe transmitir á xente porque en calquera momento esa xente a quen lle transmites o oficio ou tentas explicar como se fai un barco, de súpeto pode aparecer alguén con interese e diga “quero ser carpinteiro de ribeira e facer os meus propios marcos”. Se consigo iso sería un bo labor.

-Pódese dicir entón que deixaches parte da túa pegada en xente nova que pode continuar o traballo.

Os cursos que fixen eu eran como de iniciación, era como dicir “imos probar con todo isto”. Ves que hai un interese por seren persoas realmente interesadas e dis para ti mesmo “isto gústame”. Se é así, para a xente que viña eu facía cursos de iniciación para trazados e normalmente non collía máis de dez persoas pois busco que quen veña goce e aprenda e saia contento do curso, iso é o máis satisfactorio para min, xerar esa paixón polos barcos de madeira.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...