IniciosociedadeBoris Vilar: "Coñecéndonos a nós mesmos podemos gozar máis do lugar onde...

Boris Vilar: “Coñecéndonos a nós mesmos podemos gozar máis do lugar onde estamos”

Boris Vilar é guía de rutas turísticas na Mariña. O seu traballo fai que percorra todos os rincóns da comarca e teña coñecementos sobre todas e cada unha das pegadas que tanto a historia como a natureza, deixaron neste lugar. Realizamos un breve percorrido polo estado das rutas no norte de Lugo con Boris.

Publicada o

- Advertisement -

-Todo o interese que mostras nos teus artigos sobre a comarca da Mariña de onde che vén?

Sempre fun unha persoa moi curiosa e por iso me gusta saber de onde é que vén cada elemento que encontro e todo aquilo que me permita saber de onde vimos, de onde vén a nosa historia, a natureza que nos arrodea e a nosa relación con ela. Penso que coñecéndonos a nós mesmos podemos gozar máis do lugar onde estamos.

-Falabas nun dos teus artigos sobre a difusión turística da Mariña, sobre todo lugares como As Catedrais ou o Fuciño do Porco.

O certo é que dese artigo tiven moito feedback, algunhas respostas foron moi positivas e outras non tanto. Porén, creo que se está facendo un bo traballo por parte de quen levamos tempo esforzándonos para valorizar todo canto temos por aquí. Ese artigo ía na mesma dirección daqueles publicados en fontes escritas a maioría deles, comparando espazos da Mariña con lugares doutras partes do mundo. Realmente non se parecen a outros lugares no mundo, son o que son, é o noso e pode ser igual ou mellor que outros lugares no planeta, espazos tamén marabillosos, mais considero que comparacións como esa non benefician. O artigo ía nesa dirección sen esquecer as cousas que se están facendo ben mais hai algunhas que, feitas con boa intención, non están ben articuladas. Esa é a miña perspectiva.

-Tes medo que A Mariña acabe sendo un lugar onde non se valore todo o seu patrimonio e ao mellor acabe converténdose nun “lugar dormitorio”?

Non me dá tanto medo polo tipo de xente que veña e pola cantidade. Contáronme o sucedido en Sanxenxo, durante unha parte do ano non hai ninguén e outra parte do ano reborda. Alén diso, unha cousa que me preocupa é que se estea esgotando o alugueiro, o acceso a un inmoble para a xente de aquí. Desde a pandemia, mesmo un pouco antes, veu xente mercar apartamentos e segundas residencias para poñelas como vivendas turísticas. Agora mesmo abres calquera portal de Internet e só hai aluguer para o verán, agás un ou dous, ou mesmo se chamas poden dicirche “non, é que isto non o actualicei, mais realmente non está en aluguer para todo o ano”. Iso é un problema para a poboación nova, a que realmente debera quedar para o relevo xeracional.

-Deixando á parte Alcoa e o sector do mar, cres que o sector servizos será o único que mova economicamente a comarca?

Realmente teño moita confianza no sector primario, no sector produtivo agrario, gandeiro, apícola ou pesqueiro. A industria en xeral ten un impacto nos espazos naturais se me falas dunha superficie moi ampla que se pode aproveitar de diferentes maneiras, vale, mais aquí temos todo moi “encorsetado”, quero dicir que dentro dun territorio moi pequeno temos moitos valores así pois, o que non lle toque a un tocaralle a outro por outro lado. Non é bo depender dun único sector, mais o tamdem sector produtivo e sector servizos é mellor para a xente dese lugar que unicamente un sector industrial moi forte.

-Falaches tamén dos cambios nas rías da comarca, que consecuencias teñen estes cambios?

Os cambios foron a perda de biodiversidade e cambios paisaxísticos brutais. Se son recuperables? Teño dúbidas sobre iso. Non debemos deixarnos levar e pensar que o que estamos facendo é irreversible e por tanto seguirmos polo mesmo camiño. Perdéronse moitos e conserváronse moitos valores. Dicíao hoxe nunha visita, moitos dos fondos achegados desde Europa deberan dirixirse á recuperación do mundo do mar, das rías, do marisqueo, desa cultura e forma de vida. Un exemplo, no Concello do Vicedo pasaron de 200 asociados mariscadores na confraría no ano 2.000 a ter dez a día de hoxe, algo drástico pois dentro de dez anos xa non queda ningún.

-Cres que esa ría, a do Vicedo, até o de agora das mellor conservadas, poderá verse afectada pola boom urbanístico?

Espero e creo que non, de feito teño un concepto moi san do que é e significa o concepto do mar para eles. Desde o meu punto de vista, Vicedo é un dos lugares desde onde debera comezar a recuperarse porque aínda se poden facer cousas moi interesantes e mesmo tiveron iniciativas moi boas durante os últimos anos, con todo non teñen un apoio suficiente. Por iso espero que non se vexa afectada a ría do Barqueiro, a do Vicedo e a desembocadura do río Sor, espero que non.

-Outro dos teus intereses son os bosques de ribeira, supoño que tamén terás preocupación polas fragas da comarca, moitas desapareceron, e A Mariña é un inmenso eucaliptal. Sentes que se están levando adiante iniciativas para recuperar esta flora?

Non iniciativas claras, mais si certos esforzos por conservar a que queda. En Viveiro, de onde son eu, hai unha fraga como tal, a fraga das Aimas. Na área de Trabada e A Pontenova consérvase moito máis o bosque de frondosa e galería. Ao final, ese tipo de flora como pode ser o amieiro do que falaba principalmente, son parte do sistema para conservar a auga. Unha vez preguntábanme: “aquí os regatos sempre teñen auga?”. Respondín que si, a sombra dos amieiros evita a evaporación da auga, así conforme foron desaparecendo e o tempo se volveu máis seco, agora vemos os problemas da auga con restriccións nalgúns concellos da Mariña o ano pasado no verán. Entón, se non se soluciona isto e non se deixan as plantacións que demandan moita auga do terreo e en produccións moi intensivas, considero que haberá un prexuizo claro das nosas vidas.

-Cales son os grandes pasos dados para preservar o patrimonio histórico e cultural e que eivas presenta esa preservación do patrimonio comarcal?

Seguen saíndo cousas á superficie. Unha das que máis me gustou foi o achádego do cículo lítico de Lavandeiras, en Xove, do que me gustaría falar del nalgún artigo no futuro. Despois temos inmobles que se están a restaurar no casco histórico de Viveiro con achádegos como a aparición de documentos cos nomes dunha loxia masónica instalada na vila; tamén a aparición de moedas de ouro no lintel dunha casa reitoral durante unhas obras de restauración dunha cuberta, as moedas eran dos anos da invasión francesa. Se falamos de arqueoloxía submarina temos o astrolabio que apareceu hai pouco e seguen os traballos no pecio da fragata “María Magdalena”, ao final temos unha riqueza que segue dando moitas sorpresas. O mesmo habería que facer máis investimentos nalgúns concellos sobre puntos importantes do noso patrimonio. Agradecerlles aos concellos que fan eses investimentos en casos como a Illa Coelleira onde estaba o antigo mosteiro. Faise con recursos limitados os que o fan teñen os meus parabéns e permiten sacar á luz partes importantes do noso patrimonio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...