A oficina de turismo do Castelo de Castrodouro rexistrou máis de 9.300 visitas ao longo do 2018, segundo informou nun comunicado o Concello de Alfoz.
A área de cultura do goberno local asegura así que o monumento “mantivo así unha actividade turística similar á do ano anterior“, polo que o balance é “moi positivo”.
Durante as xornadas ordinarias de apertura da oficina de turismo rexistráronse 7.014 visitas, ás que se suman as máis de 2.300 visitas rexistradas durante a xornada do sábado do vixésimo Mercado Medieval.
A nivel estatal, os visitantes que se achegaron a Alfoz durante este ano 2018 proceden principalmente de Galicia, Madrid, Castela e León e Asturias. Cabendo destacar tamén a afluencia de andaluces, cataláns e vascos.
No tocante aos visitantes internacionais, recibíronse visitas principalmente dende Alemaña, Arxentina, Bélxica, EE. UU., Francia, Holanda, Irlanda, Italia, Portugal e Reino Unido.
HORARIO
Durante o período de Nadal, o Castelo do Castrodouro permanecerá aberto mércores 2, xoves 3 e venres 4 de 11 a 14 horas e o sábado 5 de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Durante o resto do ano, poderá visitarse sábados, domingos e festivos de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas. En Semana Santa e durante os meses de xuño a setembro os días de apertura serán de martes a domingo.