No pleno da corporación municipal de Lourenzá celebrado na mañá de hoxe, venres, aprobáronse as dedicacións da alcaldesa, Rocío López García, e do tenente de alcalde, Javier Huertas Otero, que son as mesmas e con iguais salarios que no mandato anterior: 3.228 euros brutos mensuais para rexedora pola súa dedicación exclusiva; e 1.614 euros brutos mensuais por unha dedicación parcial do 50 por cento da xornada para o primeiro tenente de alcalde, que ademais é concelleiro delegado de Obras, Urbanismo, Infraestruturas, Tráfico, Comercio e Participación.
As demais delegacións son: Educación, Cultura, Normalización Lingüística e Festexos para Manuel Arango Ron; Benestar Social, Sanidade e Igualdade para María Mercedes Dengra Sixto; Medio Ambiente e Desenvolvemento Rural para Mario Leitón Ramallal; Xuventude e Turismo para Sonia Gavino Reigosa; e Deportes para Francisco Javier Suárez Vázquez.
Tamén se fixou, por unanimidade, a periodicidade e o horario das sesións plenarias, que se celebrarán os terceiros xoves dos meses de xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro ás 11:00 horas.
Ademais neste pleno aprobouse unha moción do grupo municipal socialista para reivindicar o servizo de pediatría no centro de saúde de Lourenzá. A esta moción engadiuse algunha achega feita polo grupo municipal do BNG e aprobouse por unanimidade dos tres grupos que forman a corporación. O acordo consensuado vaise trasladar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e tamén aos Concellos de Barreiros e Mondoñedo. Neste sentido tamén se está levando a cabo unha recollida de firmas en distintos establecementos do municipio co obxecto de apoiar e reivindicar o servizo de pediatría ao que todos os nenos e nenas de Lourenzá teñen dereito, manifestou a alcaldesa.