InicioCulturaLuli Dopico: "Luis gustaba da etnografía por iso recollía todo canto lle...

Luli Dopico: “Luis gustaba da etnografía por iso recollía todo canto lle contaban as persoas maiores”

A autora viveirense Luli Dopico fálanos nesta entrevista do seu sobriño Luis Dopico quen viviu en Landrove deixando saír as súas paixóns de maneira autodidacta. Namorado da etnografía, dos estudos sobre as tradicións e os costumes nacidos ao seu redor, Luis Dopico creou unha obra que en parte se materializou no libro 'Cae a Noite' onde se recollen pezas de poesía e fotografías do propio Luis. O libro leva tamén deseños de Álvaro Fernández Polo. O inxente traballo etnográfico de Dopico fica de momento no Seminario de Estudos Terras de Viveiro esperando ser clasificado para deixar ver toda a obra deste autodidacta de Landrove.

Publicada o

- Advertisement -

-Luis Dopico Geada foi membro do Seminario de Estudos Terras de Viveiro. Con todo, quen era Luis e cal é a aportación que deixou sobre a historia e etnografía de Viveiro e outros lugares?

Luis Dopico foi membro do Seminario hai moitos anos, arredor dos 90s, xunto con Carlos Nuevo e outros compañeiros e compañeiras. Luis era un autodidacta, estudara até o bacharelato, mais era sobre todo un autodidacta a quen lle gustaba moito a etnografía, as tradicións e por iso falaba con toda a xente maior e tomaba nota de canto lle dicían. No libro sae parte do traballo poético que ten, mais sobre todo é etnografía. Neste libro aparece un 10% de toda a obra feita por el, pois o demais está todo en cartafol, notas, cadernos e cunha letra ás veces difícil de interpretar por ser moi pequena e miúda. Con todo, insisto en que tiña moitos estudos etnográficos da zona da Mariña. Isto faíao falando moito coas persoas maiores que lle transmitían cantigas, lendas e historias. Así pois, o libro Cae a Noite, está dividido en dúas partes. A primeira é unha recompilación poética. Son poemas escritos na década dos 90s cando tivo unha moza navarra, escribíalle en galego e enviáballas traducidas ao castelán. Todas estas poesías enviábamas a min para que eu llas mecanografase e todas esas poesías nunca se publicaron, só tres ou catro nunha revista que tiñamos en Ortigueira, eu vivía alí daquela. O día do seu enterro eu quería que se lese un dos seus poemas pois ninguén sabía nada desta parte del porque era moi reservado. Entón, a miña irmá máis eu decidimos que estes poemas deberan ser publicados por seren moi fermosos. Os temas destes versos eran o amor, a natureza e do entorno de Landrove, da praia de Covas e do Monte Castelo.

-Como organizastes a recompilación dos textos e a publicación dos mesmos?

Cando recollemos todas aquelas poesías foi cando decidimos publicalas e para iso púxenme a transcribilas no computador e quixemos regalarlle o libro aos veciños. Cando o presentamos en Landrove o domingo 9 de xullo foi de regalo para todas as persoas presentes no acto de presentación. Mesmo lles regalamos libros a veciños e veciñas que non puideron asistir.

-Dentro desa paixón pola etnografía, cales eran os temas que máis o atraían sobre todo cando interaccionaba coas persoas maiores?

Tomar nota de todo, desde as romarías, das festas, dos refráns ou dos ditos. Dentro dos temas que recollemos para o libro de etnografía ten un traballo sobre o cuco. Quixemos ilustrar este traballo con fotos e un fotógrafo amigo meu dixo “é imposible encontrar ou ver un cuco hoxe en día o mesmo que un ouriol”. Tamén ten un traballo sobre o golpe ou raposo, con lendas e ditos arredor deste animal na Mariña. O cuco, o ouriol, o rei-rei e todos este animaliños que agora non podes ver, o amigo fotógrafo que ademais é debuxante, fixo os deseños do cuco, dun ouriol e dun rei-rei, pois por iso precisamente, por que é difícil fotografalos. Tamén ten outro traballo sobre os amilladoiros de San Andrés de Teixido, os lugares onde se deixaban pedras logo de acabar un percorrido. Os peregrinos a San Andrés de Teixido portaban unha pedra que collían no camiño e antes de chegar á igrexa botaban esa pedra nun lugar onde xa había moitas máis acumuladas. Agora xa case non quedan, mais en relación aos amilladoiros existe a lenda de que cando acabe o mundo, as pedras falarán. Por iso Luis fixo un traballo sobre estes amilladoiros e buscou un paralelismo con outras tradicións crisitiás de deixar unha pedra antes do santuario.

-Que outras figuras populares abordou nos seus traballos?

Os cruceiros, gustábanlle moito. Ten un traballo moi bonito sobre o Cruceiro da Pontevella de Viveiro, xunto á nosa casa, tamén sobre outro que hai ao pé da igrexa. Por outra parte das festas populares de Landrove tamén ten un gran traballo e das romaxes.

-Todo ese traballo non veu a luz até o de agora?

Escribira algo no “Heraldo de Viveiro” a onde mandara dous ou tres traballos. O do cuco está no “Heraldo” e había dous máis nunha revista que se editara en Viveiro chamada “Viveiro en Vivo”, e detrás dela estaban Carlos Nuevo Cal, Mar, que era unha xornalista e o editor de Gráficas Lar. Só se fixeran dous números. Nun deses exemplares publicara un traballo sobre como se celebraban as festas do Nadal antigamente, o calendario litúrxico e como se comía naqueles tempos, os aguinaldos, as cantigas dos nenos e ademais, recolleu datos en Ourol e Cervo.

-Toda esa tarefa autodidacta aínda así, necesitaría unha formación previa.

Tiña motísimos libros, pois era o seu único vicio, mercar libros de etnografía e tradicións, e ao final doamos todos eses libros ao Seminario Terras de Viveiro. Non sei cantos serían, mil ao mellor. Tamén había cen teses doutorais relacionadas coa etnografía e que el imprimía, algunhas eran volumes moi densos. El lía esas teses e de aí sacaba as súas conclusións, falaba sobre eses temas e despois el elaboraba a súa propia versión.

-Como era a súa poesía?

Ninguén sabía da existencia dun Luis poeta, só algúns da familia. As temáticas eran o amor e sobre a natureza. Estas últimas deixaban ver os seus coñecementos sobre a natureza. Así, cando elaboraba un poema facía unha historia, non había filosofía nin reviravoltas, non, eran historias coma quen che conta un conto.

-Como foi o proceso de recollida e selección de traballos para editar?

Debemos ter en contra outra cousa, Luis á parte de recoller datos, tamén facía fotos. Por exemplo, se facía un traballo sobre a Romaría do Monte Castelo pois ía até o monte facendo fotos da capela, dos romeiros, das pozas de auga milagrosa e todas esas fotos foinas conservando. Por iso o libro leva na portada unha foto da nosa casa feita por el. Logo, a selección de textos e demais fíxena eu por terlle pasado todo a máquina. Todo aquel material apareceu na casa dentro dun cartafol e desa maneira fun escollendo aquilo que me atraía máis.

-Co resto do material vaise facer outra recompilación ou traballos arredor da figura de Luis Dopico?

Algo así levaría moito tempo e os cartafois están todos no Seminario Terras de Viveiro. O certo é que será un traballo enorme escoller, apartar, mirar ou estudar todo o que hai alí. Todo canto gardou está ordenado ao chou, así pois, de momento temos este libro e sobre outro traballo, de momento imos esperar. Desde o Seminario, Carlos Nuevo vaise preocupar el tamén de ver o que haxa de interesante e a publicación pode ser nunha revista mais en libro penso que xa non.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...