Lugo acolleu a presentación da décima edición do Festival Bal y Gay. A cita, que conta co apoio da Deputación de Lugo, celebrarase do 10 ao 24 de agosto en lugares emblemáticos da Mariña lucense. Así, serán escenarios da mellor música clásica o Teatro Pastor Díaz de Viveiro, o Castelo de Castrodouro de Alfoz, o auditorio Hernán Naval de Ribadeo, o Mosteiro de San Salvador de Lourenzá, a Basílica de San Martiño de Foz, ou a Catedral de Mondoñedo.
En representación do Concello de Viveiro, estivo na presentación a concelleira Lara Fernández Fernández-Noriega. O Programa deste Festival Bal y Gay 2023 comezará o xoves, 10 de agosto, ás 20.30 horas no Teatro Pastor Díaz de Viveiro cun concerto da Real Filharmonía de Galicia.