InicioCulturaUnha vintena de especialistas de distintas institucións analizarán en Lourenzá a vida...

Unha vintena de especialistas de distintas institucións analizarán en Lourenzá a vida e obra de Fernández del Riego

O prazo de matriculación no curso, dirixido polo académico Henrique Monteagudo, permanece aberto ata o 24 de agosto.

Publicada o

- Advertisement -

O municipio lucense de Lourenzá, localidade natal do protagonista do Día das Letras Galegas 2023, acollerá do 4 ao 6 de setembro un encontro de tres días no que se profundará no seu legado desde diversas perspectivas. Alí, preto dunha vintena de especialistas de distintas institucións analizarán a biografía e a obra de Fernández del Riego como activista, intelectual, estudioso e escritor.

O encargado de inaugurar este foro será o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. O homenaxeado estivo vinculado a esta institución desde 1948, primeiro como académico correspondente e, a partir de 1960, como numerario. Unha das súas primeiras iniciativas, tal e como lembra a RAG, foi propor a creación do Día das Letras Galegas que, 60 anos despois da primeira edición dedicada a Rosalía de Castro, protagonizou el mesmo. Ademais, foi presidente da Academia entre 1997 e 2001.

A xornada inaugural continuará cun relatorio biográfico de María Dores Villanueva Gesteira, autora de ‘Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia’ (Galaxia, 2023) e colaboradora fundamental de ‘Don Paco’ nos seu últimos tres anos de vida.

POLÍTICA E RELACIÓN EPISTOLAR

O programa do martes arrincará cun relatorio do historiador Xusto Beramendi sobre os anos de formación política e intelectual de Del Riego e seguirá coa mesa redonda ‘Da República á resistencia’, co académico Lourenzo Fernández Prieto, o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez e o investigador do Instituto da Lingua Galega Pablo García Martínez.

A mañá terminará cunha conferencia do director da Sección de Historia da RAG e catedrático emérito da USC, Ramón Villares Paz, sobre a relación do homenaxeado coa diáspora galega en América. Precisamente neste terreo profundará na tarde do día 5 o académico Xesús Alonso Montero nunha intervención centrada no epistolario entre Del Riego e o artista e intelectual Luís Seone

Esta xornada concluirá cun percorrido didáctico polos lugares de Del Riego en Lourenzá guiado polos seus biógrafos locais, Manuel Román e Xosé López González. A intensa actividade epistolar de Fernández del Riego será tamén foco de atención na xornada do mércores 6 de setembro, na que se analizará o valor das cartas que intercambiou con Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carvalho Calero, e o filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa e Ramón Otero Pedrayo.

Será nunha mesa que contará coas achegas da profesora da USC Dolores Vilavedra, Henrique Monteagudo e a secretaria da Fundación Otero Pedrayo, Patricia Arias Chachero, encargada da edición do epistolario entre don Paco e o de Trasalba que publicará proximamente a Real Academia Galega.

CURSO DE VERÁN

A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá colaboran na organización da cita que, baixo o título ‘Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século’, forma parte da oferta de cursos de verán da USC. As xornadas contan tamén co apoio económico da Deputación de Lugo, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Xunta de Galicia.

O prazo de matriculación no curso, dirixido polo académico e catedrático da USC Henrique Monteagudo, permanece aberto ata o 24 de agosto. A inscrición debe formalizarse a través da páxina web da Universidade. A Real Academia Galega publicará posteriormente os traballos presentados neste marco no seu Boletín.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...