A IX Feira oribadense do libro Letras no Campo terá lugar en Ribadeo entre o 18 ao 20 de agosto. Durante eses días haberá presentacións de libros, exposicións e actividades para as crianzas e as súas familias, segundo deu a coñecer a concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo.
A edil ribadense explicou que “do 18 ao 20 de agosto teremos no parque a Feira do Libro Letras no Campo. Dará comezo o venres pola tarde co pregón de Lois Pérez, autor de A gruta da torre, que desenvolve a súa trama en Ribadeo. Haberá presentacións de diversos libros, uns divulgativos e outros máis intimistas, uns de narrativa e outros de poesías, uns de ficción e outros non, algúns de autores ribadenses e outros chegados de fora”.
Sanjurjo contou que “as casetas dos diferentes libreiros ofrecerán un 10% de desconto nos libros que se merquen na feira. Quero agradecer a dispoñibilidade e a presenza dos libreiros, xa que sen eles esta feira é imposible”
E destacou “a programación dedicada aos lectores infantís e xuvenís, que inclúe presentacións de libros, contacontos e actuacións musicais. Paralelamente á feira levaranse a cabo diferentes actividades como unha exposición de edicións especiais de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro, na actual Oficina de Turismo”.
A concelleira de Cultura subliñou que “ao remate das Letras no Campo será a entrega de premios ás ribadenses que están chamadas a ser as ilustradoras e as escritoras do futuro e que mereceron os galardóns provinciais no Certame das Letras Galegas deste ano 2023. Contamos con todos vós nas Letras no Campo”.
O horario da feira será de 11:30 a 13:30 horas polas mañás e de 17:30 a 20:30 horas polas tardes.